Entrevista a María Reimóndez en Coruña Daily News:
“(…) – Coruña Daily News (CDN): En vías de extinción, Dende o conflito e agora A música dos seres vivos. O ciclo dos elementos segue medrando, pero cal é o obxectivo deste proxecto? Que queres contar?
– María Reimóndez (MR): Inicialmente quería narrar a historia de tres mulleres, Gaia, Aurora e Clara, e a súa relación. Pero dinme conta de que cada unha tiña demasiada entidade e que necesitaba contar as súas historias por separado para logo contar o que pasaba entre ellas. E a partir desas personaxes iniciais, tamén empezaron a saír outras secundarias, como MK. Ademáis, interesábame construír un universo narrativo máis complexo, no que exista unha complicidade coas persoas que len. Contar o mesmo que quería contar ao principio pero dun xeito máis velado, de forma que só as persoas que lean o ciclo completo van entender a historia global. (…)
– CDN: En relación con iso, na presentación de A Coruña dixeches que A música dos seres vivos foi para ti o libro máis complicado de escribir…
– MR: Sen dúbida. A min preocúpame moito e estrutura das novelas, que teñen que estar ao servizo da propia historia. Non podo escribir ata tela moi clara. Neste caso concreto, MK é unha personaxe rota e a estrutura tiña que ser correspondente e mostrar esa fragmentación. Ademais está o tema da música, que é como unha liña metafórica moi importante. A maneira que escollín para plasmar todo isto en A música dos seres vivos foi unha estrutura temporal moi complexa. As liñas do tempo van de forma antagónica, unhas van cara adiante e outras cara atrás, de forma que se unha persoa le todos os fragmentos das seccións tituladas play ou rewind, o tempo vai nunha dirección diferente. (…)
– CDN: E querías transmitir algunha incomodidade concreta con esta novela?
– MR: Moitas veces din que escribo “novelas de tese”, pero eu cando escribo non son consciente diso, máis ben creo que é unha expresión da imposibilidade da crítica patriarcal de conceptualizar e enfrontarse ás escritas feministas. Para min cada novela aglutina moitas cousas. Está claro que parten de incomodidades propias e de cousas que me intrigan, pero eu normalmente escribo personaxes e historias… isto é o que me interesa. No caso de MK, inicialmente era só a parella doutra personaxe principal, pero interesábame saber a composición desa identidade tan complicada, da migración, da raza, da exposición pública, da orientación sexual.. Como pode convivir unha persoa cunha situación tan complicada?. E por iso decidín contar a súa historia. Tamén me interesaba falar da colonización, dos procesos de independencia, das mulleres do Tamil Nadu rural que non teñen nada que ver cos estereotipos que temos sobre a India, e dunha migración diferente á galega, que é a que se tratou ata o de agora na literatura galega. O proceso migratorio de MK foi un proceso estereotipo para esa época, na que na India exportaban man de obra cualificada, que logo se atopaba cunha sociedade estraña, racista… E desa emigración naceu unha xeración de efervescencia cultural moi importante. Se falamos do contexto musical británico, na época na que nace MK como artista é unha época de proliferación de segundas xeracións de migrantes que atopan na arte unha maneira de dialogar coas súas sociedades e de enfrontarse ao que viven.
– CDN: E falando de cultura, como ves a situación da literatura en lingua galega?
– MR: Hai dúas partes. A literatura en lingua galega non existe sen que a lingua estea ben, e a lingua non está ben. Estamos vivindo un proceso de agresión extrema e ese é un problema que supera á literatura. O sistema literario ten unha responsabilidade en contribuír a que a lingua se manteña viva, pero é pequena comparada con outras estruturas como o sistema educativo ou a sociedade en xeral. (…)”