Entrevista de Alberto Ramos a Manuel Rivas en Praza:
“(…) – Praza (P): Terranova, a libraría, é nesta novela [O último día de Terranova] un espazo central. Mesmo poderíamos dicir que é un personaxe máis do relato que fai Vicenzo. Que significa para Rivas a libraría?
– Manuel Rivas (MR): É un lugar no que estás, é un espazo que ten moito que ver co que facemos. E a verdade é que nunca pensara en situar unha historia nunha libraría. Escribín varias cousas que teñen que ver cos libros, mais digamos que agora me atopei co lugar. E non podía ser doutro xeito. Tamén é certo que me decatei de que si hai unha continuidade situacionista neste sentido. Quero dicir, en Os libros arden mal, o lugar eran as bibliotecas, os ateneos populares. En Todo é silencio hai unha escola, unha escola que ten que ver coa derrota. Estaba feita polos emigrantes e rematara abandonada, despois de ser queimada no golpe do 36. Malia todo era un lugar de refuxio, de agocho para xente máis ou menos náufraga. O rapaz que se ía xutar alí, os nenos que andaban cos seus primeiros amoríos…. Agora, efectivamente está a libraría. Penso que é un lugar psicoxeográfico, realmente máis relevante que a a rúa, o barrio ou a cidade, malia que o ser unha cidade atlántica ten a súa pegada.
O máis importante á libraría, si. Unha libraría que mesmo ten a súa xeografía interior. Ten referencias psicoxeográficas interiores propias e tamén exteriores. Porque a xeografía verdadeira da novela está na liña do horizonte, na memoria profunda, no pulmón de aceiro ou na Cámara Estenopeica, que neste caso si é unha referencia interior, está dentro da libraría.
Se te fixas ben, esta libraría, Terranova, é unha libraría anfibia, porque dalgún xeito é o lugar do exilio. Non só porque teña libros que proceden de fóra e que viaxaron nos dobres fondos das maletas, senón por que é un lugar de exilio interior. Porque quen a está a habitar podería estar no exilio. Iso dálle unha condición de illa, dalgún xeito non foi tomada. Ten a condición da terra liberada.
– P: Unha palabra clave que dixo sobre Terranova é “refuxio”.
– MR: Si, é un refuxio para os marxinais, digamos tamén para os que sofren agora especialmente a enxurrada da crise. É un lugar, ademais, no que ademais a memoria fai dos libros personaxes con trazos, con cicatrices. Tamén alí, en Terranova, conflúen vidas reais e imaxinarias. Aí está tamén a condición de anfibia, porque é un lugar de confluencia. Parécese un pouco aos portos, semella esas cidades como Tánxer ou Casablanca que temporalmente tiveron a condición de lugares nos que refuxiarse, nos que gorecerse.
A libraría ten que ver cunha posición moi situacionista, xa que estamos a vivir no mundo do deslugar e a libraría é o lugar. A medida que avanza a novela, a historia vaise parecendo máis a unha distopía. Pensemos en Coketown, a cidade dos Tempos difíciles de Dickens. Esa era unha cidade no que todo se medía pola cifra e mesmo había un personaxe que aseguraba que alí todo o que non se podía mercar ou vender por maior prezo non debería existir. Iso incluía a xente. Entón, nese contexto, o que significa a libraría é, dígoo entre aspas, o espazo do inútil fronte o imperio da mercadoría. Cada vez o mundo en que vivimos se parece máis ese Coketown.
No que chamamos cultura, nas librarías hai un compoñente singular imprescindible que é o factor humano. Esa é unha cuestión importante. Quero dicir que se desaparece o factor humano na intermediación, no intercambio cultural, no feito simple da entrega do libro por mans humanas… Se iso desaparece masivamente, penso que o factor humano tamén vai desaparecer do libro mesmo. (…)
– P: A primeira presentación que fixo do libro foi diante de libreiros e libreiras. Nese acto, asegurou que había unha relación entre a novela e o seu poemario A boca da terra. En que sentido?
– MR: Non é por unha cuestión temática… En realidade son siameses. Esa relación permitiume unha transfusión que tiña que ver coa enerxía das palabras. Traballar o libro e traballar cos poemas facilitoume o traballo. Cando quedaba varado na novela, digamos que os poemas traían vento, ardora. As palabras brincaban. Nese sentido, axudoume a escribir e a tirar cara a diante. Era un espazo común, un espazo sen medo da linguaxe. A literatura é así, traballas coa túa ignorancia e cos teus medos… A literatura é unha loita contra a ignorancia, contra a miña propia ignorancia. E tes que estar aí realmente para que salga. Este libro foi laborioso, mais tamén gozoso. E xa se sabe que o gozo ten unha parte de dor e tamén unha parte de descuberta. Descuberta de literatura, de vida, de historias. Se che digo a verdade, eu estiven catro meses de arresto domiciliario escribindo, con cu de chumbo e comendo as sardiñas dentro da lata. Comía así e volvía sentar. [Risos] (…)”