Reportaxe en Sermos Galiza:
“Na mañá do sábado, falecía Xosé Chao Rego. Sermos Galiza recolle reaccións á súa morte de recoñecidas persoas que o trataron. Todas elas destacan a inmensidade da súa obra e o seu amor polo país. (…)
Pilar García Negro: “Ten que continuar vivo non só na memoria, senón na lectura de todos e todas nós”
“Era ou é, porque continúa vivo en toda a súa obra, un dos escritores galegos máis recoñecidos e mais admirados por min. Moitas das súas obras, agarimosamente dedicadas por el, foron moi lidas e moi aproveitadas. Coido que é o ensaísta de obra máis abundante das letras galegas de hoxe. Cualitativamente, tamén dunha obra onde se alía o gran rigor, a erudición e o coñecemento dun verdadeiro sabio. E estou a falar de disciplinas ou fontes de coñecemento como a Filosofía, a Teoloxía, o Biblismo e a Historia. Tamén a moitos saberes relacionados coa lingua galega. Alíase todo isto cunha excelencia literaria e mesmo cunha amenidade na exposición e na divulgación que fan da súa obra un auténtico manancial de saber, coñecemento e agrado, con atractivo literario. Foi absolutamente pioneiro no tratamento dalgúns temas, como a homosexualidade ou figuras históricas da nosa tradición, como Prisciliano (por citar só dous exemplos dunha obra tan rica e tan ampla). Ten que continuar vivo non só na memoria, senón na lectura de todos e todas nós”.
Marica Campo: “Foi realmente moi prolífico e conseguía tratar cuestións moi fondas cun estilo moi fresco, próximo e agradábel de ler, moi ameno”
“No comezo da súa escrita en galego escribiu máis do que escribiron autores e autoras que o facían desde o principio en galego. Foi realmente moi prolífico e conseguía tratar cuestións moi fondas cun estilo moi fresco, próximo e agradábel de ler, moi ameno. Foi toda a vida un gran crente, de verdade. A súa paixón, xustamente, era achegarlle á xente a historia do pobo de Xesús de Nazaret. Para min, era un grande amigo. Gardo con moito cariño unha Biblia que me agasallou”. (…)”