Eva Moreda: “Unha das grandezas da literatura é que dá cabida á contradición”

EntrevistaEva Moreda de Carlos Loureiro a Eva Moreda en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Dende moi nova a emigración formou parte da túa vida… ti mesma escribiches verbo deste feito… Que supuxo para a túa literatura esta realidade persoal?
– Eva Moreda (EM): A emigración foi o mellor que me pasou na miña vida adulta. Transformou para ben a miña vida e a min mesma ata uns extremos que non podía nin soñar. Pero penso na literatura e, a primeira vista, o balance semella ser máis ambiguo. Anos en que a penas escribín ao comezo da miña experiencia migratoria; agora ando na aventura de escribir nunha lingua estranxeira e imaxino que iso tardará tempo en dar os seus froitos, se os dá. Espero, que a longo prazo, o resultado sexa tan positivo e transformador coma o foi sobre o resto de aspectos da miña vida. (…)
– NG: E, de novo, a voz feminina, a visión feminina… Compromiso feminista?
– EM: Considérome feminista pero non sei ata que punto a miña literatura o é, supoño que na medida en que reflicte preocupacións de meu. A Veiga foi, con Organoloxía, o meu intento máis obvio de escribir unha historia declaradamente feminista, pero creo que cansei axiña diso. Para min, unha das grandezas da literatura é que dá cabida á contradición dun xeito que o ensaio non o fai, e isto, penso eu, non casa ben con facer literatura de tese. Por exemplo, hai pouco decateime de que nos últimos tempos teño escrito varias pezas sobre mulleres de dereitas, e non foi algo deliberado, pero, a posteriori, ten moita lóxica, porque me permite verme de fronte coas miñas contradiccións e as de outros e mirar atentamente unha parte do mundo, unha parte da sociedade, á que se cadra non podería mirar con tanta atención fóra da literatura. (…)
– NG: Na literatura cobran peso a imaxinación e loxicamente a propia vida… Que é máis importante para ti á hora de escribires, a propia vida, a sociedade da que te ves rodeada, ou a imaxinación que poida dar cobertura a esta realidade narrada?
– EM: As tres, e non sabería dicir cal é máis importante. A sociedade percibímola na nosa propia experiencia e o noso propio corpo, e a imaxinación literaria é o único que pode transformar esta experiencia en literatura. Gústame deixar esta imaxinación literaria libre, non actuar moito sobre ela, permitir que me sorprenda. (…)”