Desde Sermos Galiza:
“A Casa de Rosalía vén de estrear o seu arquivo informatizado no que recollen boa parte do material recompilado polo Padroado así como documentos históricos vencellados á poeta.
Os traballos de catalogación e informatización contaron co apoio económico da Xunta de Galiza, que achegou 4 mil euros procedentes da Consellaría de Cultura, explican desde a Casa de Rosalía cuxo obxectivo foi xerar “un espazo aberto á investigación para que se coñezan e difundan os seus fondos por ben da cultura e da historia de Galiza”.
Así, “calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e as súas bases de datos”, acrecentan.
Entre os fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros salientan a serie de Correspondencia, na que se atopan as cartas intercambiadas cos responsábeis dos centros e colectivos galegos de Bos Aires, La Habana… e outras con personalidades ilustres como Otero Pedrayo, Castelao, Bouza Brey ou Valentín Paz Andrade.
Aliás, no arquivo atópanse as actas e documentos constitutivos do Padroado, informes e memorias da actividade que veu desenvolvendo desde a adquisición da Casa de Rosalía e mesmo dosieres de prensa.
Así mesmo, atópase un fondo gráfico con fotografías da autoria e a súa familia e documentos manuscritos da propia Rosalía.”