Entrevista a Antón Riveiro Coello en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Ramón Nicolás sinalaba na súa reseña da obra [Os elefantes de Sokúrov] que na mesma consigue xerar «unha inequívoca vontade de avanzar case sen respirar ata a derradeira liña». ¿Vostede como a definiría?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Como unha novela actual, contemporánea, social, sentimental, intelectual, mesmo psicolóxica. E na mesma medida hai intriga, emocións, relacións e digresións sobre a realidade e os problemas actuais. (…)
– LVG: Unha filla da xeración hippy que anda á pescuda dun descoñecido que a ten engaiolada…
– ARC: A orixe é unha visión interxeracional: os de 50 anos ou máis remataron colocándose ou traballando todos. Os do baby boom tivemos unhas oportunidades que os mozos de agora non teñen. Por outra banda, Janis e Constantino -o escritor da cafetaría- comparten as inquedanzas polo proceso creativo, pola cultura e polas artes, e iso fai que teñan unha afinidade especial. (…)
– LVG: Na obra aparecen moitas referencias cinéfilas, de Tarkovski a Haneke. ¿Por que Os elefantes de Sokúrov?
– ARC: Janis escribe crítica cinematográfica e o cine é o principal tema de conversación, e o que a mantén unida ao seu pai. Elixir a Sokúrov é unha homenaxe clara ao cine máis humanista, xa que o director ten ese punto de conexión e esa carga intelectual que se relaciona cos creadores, cos poetas e cos pintores. Non é o cine de inmediatez, agresivo, violento ou de consumo rápido. As películas de Sokúrov teñen unha densidade filosófica importante, é un cine de pensamento e de expresionismo puro e crean a sensación de contemplar un cadro sucesivo. Son obras para pensar e reflexionar sobre o ser humano e os seus problemas.
– LVG: ¿E os elefantes?
– ARC: É unha metáfora. Os elefantes representan a carga simbólica; están en perigo de extinción, son compasivos e intelixentes e deben enfrontarse ao risco que supón sobrevivir na natureza. A protagonista da novela é culta, unha muller preparada e amante do cine, é debe sobrevivir nunha sociedade que non lle dá as oportunidades que se merece.”