Entrevista a Cristina Corral Soilán en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que a levaron a escribir?
– Cristina Corral Soilán (CCS): Coido que concentro dúas características que temos @s poetas, son unha persoa sensible e que ten o fondo desexo constante de comunicar co exterior. As lecturas foron e son a semente, pero as ganas de expresar o que se sinte son o lume que dá a candela.
Cando fago obradoiros poéticos con crianzas e adolescente sempre represento a poesía como unha ola grande de caldo (galego!) onde hai unha serie de ingredientes que se cociñan a lume moi lento, dentro dos ingredientes da ola sempre hai unha boa presa de sentimentos, e que non falten nunca… iso é que nos mantén vivos, sentir.
– FL: E a dirixir esa escrita cara ó público infantil?
– CCS: Na miña casa sempre me contaron moitos contos cando era nena. Pedía, como se piden as cancións na gramola e meu pai abría a súa caixa mental e de aí saían os seres imaxinarios que me arrolaban antes de durmir. Cando eu comecei a escribir fíxeno para adultos, pero pola miña profesión última (son profesora) o contacto cos colexios e os institutos levoume a ver o pouco que se agarimaba nalgúns plans de estudos a poesía. Contar en verso pareceume un bo xeito de animar aos máis novos a achegarse a ela, porque non coñezo a ningún/unha nena que non deveza por escoitar unha historia.
– FL: Que é o que busca transmitir coa súa literatura?
– CCS: Na literatura infantil e xuvenil sobre todo ganas de ler, e valores, eses que tan escasos andan ultimamente e que nunca están de máis na cabeciña e no corazón d@s máis cativ@s.
Na literatura para adultos sentimentos, que tampouco sobran nada. (…)
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritora?
– CCS: Significa poder contarlle ao mundo como se ve a vida dende a miña perspectiva, un luxazo coma poucos.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este labor?
– CCS: Que son das que prende en canta silveira hai. Ando sempre metida en mil proxectos o que me impide moitas veces sentarme e coller o lapis. Levo tempo dándolle voltas a unha novela xuvenil, pero non chega o momento en que sentar a escribir…
– FL: Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?
– CCS: O mellor: o contacto coa xente nova, tanto coas crianza como coa xente adolescente, teñen tanto que ofrecer…
O peor: a invasión dos contos prefabricados (tipo Disney) que fan que grandes propostas non acaden os resultados que deberían pola súa calidade e no caso da xuvenil a negativa inicial ao achegamento a literatura. Tampouco é doado atopar editor/a sempre, as institucións que deberían apoiar á industria editorial seica andan enredadas con asuntos máis importantes que a cultura e a educación… xa ve vostede como anda o mundo! (…)”