Entrevista a Marcelino Fernández Mallo

DesdeMarcelino Fernández Mallo a revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Marcelino Fernández Mallo (MFM): Algo así como unha segunda oportunidade, a opción de revisitar a realidade e reinterpretala, revivila a partir dos criterios que espontaneamente che dite o teu propio pensamento.
– P: Como entendes o processo de criação literária?
– MFM: Enténdoo alleo a clichés, modas, convencións ou presións dun mercado ou dunha industria. Enténdoo, xa que logo, dun modo algo inocente. Mais para min, doutro xeito deixa de ser creación literaria e tórnase outra cousa. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras, com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– MFM: Todo o que represente innovación, incluso intención de tal, coido que debe ser tido especialmente en conta. Isto respecto á estética ou á forma. Respecto ó contido, eu procuro buscar sempre unha temática con raigame social e mesmo con vontade de transcendencia, unha narración que abra novos espazos para a reflexión sobre unha realidade determinada. En calquera caso, non deploro tampouco as propostas cun carácter máis, digamos, comercial. Hai cabida para tódolos xéneros e as opcións estéticas con tal de que a obra amose unha calidade e un traballo dignos de consideración.
– P: Como ves a literatura galega hoje?
– MFM: Véxoa con preocupación. Coido que estamos incorrendo nun risco grave de retroceso e, dende logo, de tempo perdido, pois mentres que os escritores ofrecen creacións de alto mérito, xa for en novela, poesía ou ensaio, o colectivo lector semella ignorar ou menosprezar o valor desas obras que son, ademais, heteroxéneas en estilo e fondo. (…)”