A dramaturxia contra a invisibilidade

ArtigoAlberto Ramos de Alberto Ramos en Praza:
“(…) Algo esta a moverse: a elaboración dunha proposta da lei de artes escénicas, o fornecemento de Escena Galega ao dobrar o pasado verán o número de compañías que aglutina ou o estoupido de novas formacións como son A Panadaría ou ilMaquinario.
A todas estas circunstancias hai que unirlles a creación dunha asociación profesional de dramaturgos e dramaturgas que en próximas semanas se dará a coñecer. Este colectivo únese así ao asociacionismo profesional no sector, do mesmo xeito que con anterioridade xa o fixeron os actores e as actrices na AAAG -que vén de cumprir trinta anos- ou as compañías, reunidas na asociación Escena Galega. Agora, os autores e autoras dramáticas buscan a unidade para facer fronte ás dificultades que atopan no seu desenvolvemento profesional.
Os atrancos son xa coñecidos e, probablemente, comúns para o resto de profesións dentro das artes escénicas. “Hai unha falta absoluta de promoción, non hai encontro entre os profesionais e, dentro do sistema editorial, resulta case imposible que se publique un texto dramático. Tampouco se atopan espazos de formación, agás en contadas ocasións, e institucións como o Centro Dramático Galego, fóra dos tempos de Cristina Domínguez, non se preocuparon por traballar a formación dos dramaturgos”, explica Santiago Cortegoso unha situación que ben se podería resumir nunha palabra rotunda e clara: invisibilidade.
Deste xeito, o traballo dos autores teatrais enfróntase a unha sorte, por dicilo dalgún xeito, de frustración á hora de emprender o seu traballo. “Tes a sensación de que escribir é un traballo en balde. Pensemos unha cousa: a concepción de toda peza de arte é unha mensaxe de emisores e receptores múltiples. Aquí falta a recepción porque a edición de textos é mínima e a dificultade para levala a escena, grande”, apunta pola súa banda Fran Godón. Nesta análise coincide tamén autores con gran saída, como é o caso de Cándido Pazó. “No meu caso, se eu non escribise cunha idea clara de montaxe, sexa cunha compañía propia ou cunha que me fai encarga, se non teño a data de estrea de antemán, resúltame complicado. Porque neses casos non tería vontade, sería complicado. Entendo esa frustración”, sinala Pazó. (…)”