Entrevista a Tucho Calvo en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que supõe para ti a literatura?
– Tucho Calvo (TC): Penso que hai que considerala como a mellor opción para poder transmitir todo tipo de experiencias. Na literatura está a vida da humanidade nun resumo da súa parte máis íntima, sobre a que precisaríamos de millóns de anos para poder coñecela persoalmente. Desde o punto de vista de lector, a literatura é unha ventá ao mundo, ao exterior e ao das realidades máis profundas das persoas. Unha fonte fundamental da miña formación e da miña cultura. E como escritor, quizais a forma de devolver eses coñecementos arrequecidos co filtro da miña experiencia. (…)
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, plástica, etc.)? Que experiências tens neste sentido?
– TC: Non creo que poida haber compartimentos estancos a estas alturas. Esa idea da creación compartida con achegas diversas tívena sempre na cabeza e está moi explícita na miña segunda novela, PAE S. XXI, na que colaborou moita xente (ilustradores, arquitectos, fotógrafos…) e na que quixen que o fixesen moita máis… Pero a realidade -entre que non escribo moito ultimamente e que un traballo en equipo precisa de máis tempo e esforzo- é que non avancei por ese camiño. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para a literatura, e quaisquer outras artes, na sua comunicação com a sociedade?
– TC: O importante é contar coa liberdade necesaria para que a humanidade exerza a súa creatividade. Despois, os camiños, carreiros ou vías de alta capacidade que percorra responderán ás peculiaridades dos receptores desas obras. E a liberdade depende en grande medida da cultura, de contar coas ferramentas que nos permitan non ser esmagados por poderes políticos, relixiosos ou económicos. As modas impostas a unha humanidade maioritariamente moi manexable por falta de criterios propios, desvirtúan as propostas que triunfan. O esforzo persoal, a creación crítica que está fóra dos circuítos culturais, adoita ser o máis interesante. (…)”