Basilio Losada: “A literatura volveuse pedante e aburrida”

EntrevistaBasilio Losada a Basilio Losada en Luzes:
“(…) – Luzes (L): Pensou en escribir as súas memorias?
– Basilio Losada Castro (BLC): Pídenme todos que as escriba. Dezasete países nos que vivín temporadas en Europa, oito países en América, moita xente coñecida, grandes amigos, o escritor brasileiro Jorge Amado ou Saramago… Hoxe teño condecoracións de Portugal e do Brasil e de Cataluña, as máximas. Cumpro co que se ten que facer coas condecoracións, non lucilas nunca. Teño un neto que, cando tiña oito anos, quería que lle puxesen todas as miñas condecoracións e facerse fotos. Gustábanos moito ver o pequeniño con aquela chatarra. Eu nunca quixen ser escritor porque a vida de escritor é unha agonía permanente, é pavorosa. Pero entón descubrín a vida de lector. Formei unha biblioteca desmesurada. Logo aprendín que todo exceso é un erro. (…)
– L: Exerceu durante corenta anos na universidade, que lle achegou esta institución? – BLC: Os alumnos. Eu aprendín moito máis dos alumnos que nos libros. A cousa que máis me gusta dixéronma os meus alumnos no título do libro de homenaxe: «Ensinounos a pensar con liberdade e con risco». (…)
– L: Por que sempre di que ten 19 patrias?
– BLC: É unha especie de chiste, porque a min os patriotas moléstanme moito, porque son os que teñen unha idea que xa non pode cambiar e as ideas teñen que cambiar coa vida. Para min unha patria é un lugar onde a xente me tratou con cortesía e incluso con cariño, un país onde chamar a alguén galego non era un insulto. O mérito inmenso desta xeración, que eu vou ser o último que a viviu, é intentar eliminar na medida das nosas formas aquel complexo de inferioridade que ao longo de 500 anos puxeron sobre nós. (…)”