Veu visitarnos… Helena Villar Janeiro

EntrevistaHelena Villar a Helena Villar en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Que é o que busca transmitir coa súa literatura?
– Helena Villar Janeiro (HV): Esta resposta é moi complexa. Empecei escribindo para min, para falar comigo nunha circunstancia de relativa soidade. Para verme en espello tamén. Despois escribín para as criaturas da casa pretendendo fornecelas de material de lectura na lingua que estaban chamadas a falar por decisión nosa. Seguín escribindo con diversos obxectivos, aos que non é alleo o de cultivar literariamente unha lingua que posúo e precisa quen a aprece para transmitir sentimentos, coñecementos, emocións… Participo en todo canto proxecto teñen a ben convidarme tamén para moi diferentes finalidades. Creo que, se falo con fonda sinceridade, para quen empezo escribindo é sempre para min como un reto persoal de exploración. Pero quen escribe non pode esquecer que ten bastante posibilidade de que alguén lle vai ler os seus textos. Daquela pensas en transmitir emoción poética que poida conectar con outras persoas superando o interese que ten para ti. Narras intentando crear espazos de liberdade sacando de ti e do que coñeces a materia que podes dominar intentando crear un estilo propio no te acabes recoñecendo. E procuras defender os valores nos que cres a través da túa opinión cando fas artigos de prensa e tamén nos outros textos. Non hai dúbida de que quen escribe non adoita ser neutral perante a vida que pasa.
– FL: En que se basea para escribir os seus libros?
– HV: Xeralmente nunha emoción que me impresiona moito. Esta emoción xa me indica o xénero no que a vou expresar, porque os temas ou motivos saben eles mesmos elixir a forma. Esta impresión pode vir da realidade vivida, observada e tamén das lecturas que elixes. Ultimamente fago moita colaboración con artistas da plástica o coas miñas propias fotografías. Nese caso, teño que provocar dalgún xeito esa impresión. Non é difícil e resulta un traballo moi gratificante. (…)
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritora?
– HV: É un privilexio poder usar a palabra para expresarse. Pero, ademais de sentir ese privilexio e gozar del, ser escritora é o meu xeito de estar no mundo. Non podo prescindir dos ollos da escritora nin para ver a realidade nin para interpretala. E o mesmo me pasa con relación a min mesma. Se non fose escritora, sería unha persoa moi diferente. Estou ben segura.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este labor?
– HV: Para min foi ter que compaxinar profesión e vocación, porque á profesión –que era anterior- tamén me entreguei moito. Iso, por outro lado, permitiume escribir máis libremente e con menos presión que se tivera que vivir deste oficio. Non me ativen a modas. Non tiven urxencias de publicar. Traballei con moita máis liberdade. E penso que, se por un lado quen é artista ten dereito -non sei se deber- de entregarse ao que fai plenamente, por outro ten tamén máis limitacións, sobre todo se ten que vivir da arte que fai. Como persoa, tamén agradezo ter tido experiencias doutro tipo de contacto coa realidade e de moita maior variedade social. Se ben deixo dito que ser escritora marcou moitísimo a miña vida, tamén me alegra que non ma absorbese de todo. (…)”