Fefa Noia: “Estamos nun momento delicado para o CDG”

EntrevistaFefa Noia a Fefa Noia en Sermos Galiza:
“Esta compostelá vén de incorporarse a semana pasada á dirección dun CDG en tempo de vacas fracas logo dun percorrido profesional que a levou á dirección artística de Teatro La Abadía para logo fundar tamén en Madrid a súa propia compañía, Los Lunes. A chegada de Noia ten xerado unhas expectativas moi altas por mor do seu currículum, pero inversamente proporcionais ao orzamento que terá que xestionar.
– Sermos Galiza (SG): Xa coñeces a casa, dirixiches en 2013 Días sen gloria, de Vidal Bolaño. Co teu perfil agárdase unha potenciación da dramaturxia contemporánea e unha renovación xeracional. Cales son os teus obxectivos principais?
– Fefa Noia (FN): Un dos obxectivos é apoiar todo o que poida a dramaturxia galega contemporánea, pero non exclusivamente dos máis novos, e para iso entrarei en contacto con eles para saber que necesidades teñen e como podemos articulalo para empezar a traballar xuntos. Por outra banda, gustaríame reforzar o vínculo do CDG coa profesión, e despois traballar bastante os públicos. Iso é un traballo bastante desagradecido e a longo prazo. Non debemos deixar de pensar como podemos facer para conseguir máis complicidades e apoios por parte dos espectadores. Isto é unha declaración de boas intencións, porque sabes que me incorporei o luns. E, finalmente, unha das principais funcións do CDG é apoiar o teatro galego, e creo que é o momento de potenciar a súa proxección cara a fóra. É algo que se vén desenvolvendo desde hai un tempo, e imos darlle continuidade.
– SG: Ti gañaches o concurso público en base a un proxecto que supoño que será o que vas levar adiante, non?
– FN: Ademais do que xa comentei, o reforzamento das relacións coas demais institucións culturais galegas, e tamén dentro do posible tratar de conectar cos demais centros dramáticos da península buscando a proxección e o intercambio dos autores galegos. Do proxecto que presentei eu, xa sabes que o CDG é unha unidade de producción, e polo tanto a primeira actividade é de producción, que se traducirá en producións e coproducións. Por outra banda, para reforzar esa actividade, fará actividade formativa, tanto vinculada ás producións da casa como formación continua, e para iso entronca de novo co diálogo coa profesión, coa Asociación de Actores, con Escena Galega, coas compañías, é dicir, tratar de poñer en común os nosos intereses, para cubrir eivas formativas. (…)”