Entrevista a Berta Dávila

EntrevistaBerta Dávila a Berta Dávila en Cicloxénese expresiva:
“(…) – Cicloxénese expresiva (CE): Paul Auster dixo nunha ocasión que escribir é coma una enfermidade, que o mundo real non é suficiente. Compartes a súa opinión?
– Berta Dávila (BD): Non, Paul Auster é unha das miñas filias. Creo que é un escritor que ten un oficio que non todo o mundo ten, calquera que escriba poderíao envexar, a pesar de que algunha das súas novelas, por exemplo a última, son textos que para min son un gran exercicio de oficio, pero que non me dixeron nada. Eu non comparto a idea de literatura coma enfermidade, ou literatura como necesidade, ou literatura coma un pulso que se impón dende fóra. Eu creo que a literatura é unha elección, que todas as cousas que se enfrontan son dalgún xeito eleccións. Creo que o penso porque non creo, en liñas xerais, que exista ningunha cousa externa a min que se impoña dende arriba para gobernar a miña persoa. Por iso todo ese tipo de definicións sobre a literatura, sobre todo sobre a poesía, que para outra xente funcionan, para min non, en absoluto.
– CE: Que opinas dos escritores contemporáneos? Consideras que a poesía e a narrativa que se está a facer é de calidade? Tanto en Galiza coma no resto do mundo.
– BD: Considero que se está a facer moita poesía e moita literatura cunha calidade envexable e outra que non o é, pero como houbo en todos os tempos. Creo que é unha situación de normalidade. O anormal sería crer que todo o que facemos aquí, ou todo o que se fai fora, é dunha calidade estupenda e tragalo absolutamente todo, para min non é así. De todas formas considero que a literatura que se fai aquí non ten nada que envexar á que se fai noutras partes do mundo. (…)
– CE: De que libro te sintes máis orgullosa?
– BD: Supoño que do que está por escribir. Os autores, ou polo menos eu e outros que coñezo, normalmente tenden a estar máis orgullosos do último que escribiron, porque é o que sinala ata onde chegaches. Cando menos eu síntoo así. Nese sentido creo que nos meus dous últimos libros puxen todo o que quería poñer. Outra cousa é que sexan bos ou malos, ou que se reciban dun xeito ou doutro, iso xa non é cousa miña. Pero si creo que son libros que si pagou a pena que estivesen na rúa, igual que hai outros libros que escribín que si considero que debían quedar no caixón. En calquera caso o mellor é, como dicía Cortázar, ese libro que queda por escribir, ese libro ideal, ese libro que é perfecto, precisamente porque aínda está por escribir. (…)”