Desde COGAMI:
“COGAMI iniciou un proxecto cultural, EnREDarte, que engloba diferentes disciplinas como a escritura creativa, fotografía artística, pintura, teatro, danza contemporánea e música tradicional, no que van participar máis de 200 persoas con discapacidade e usuarias de entidades e centros que forman parte de COGAMI.
A asociación Agora de Monforte de Lemos é unha destas entidades que participa no programa EnREDarte que iniciou o taller de escritura creativa Palabras Viaxeiras. Este obradoiro, que imparte a poeta e vicepresidenta da Asociación de Escritoræs en Lingua Galega, Alicia Fernández, é itinerante, a historia iniciou nun centro e vaise ir completando noutros centros doutros concellos. Ata o de agora xa participaron centros de COGAMI de Pontevedra, Arzúa, Silleda e, despois de Monforte, continuará en Ourense.
Cada un destes centros participantes contan con 10 sesións, 7 impartidas por Alicia Fernández e o restante guiadas por unha persoa do centro que, baixo as indicacións da poeta, vai ser a responsable de guiar e asesorar o proceso de creación para que lle dea continuidade o seguinte grupo ata o remate. Nestes talleres trabállanse contos, poemas, trucos e mecanismos para que calquera persoa poida escribir, tanto para ser lidos por outras persoas como tamén para ler para eles mesmos.
Ao final, rematarase esta actividade coa publicación dun conto ou novela breve escrita e ilustrada polas persoas con discapacidade usuarias de distintos centros e entidades que forman COGAMI, e tamén recollerase unha memoria de actividades co fin de poderlle dar continuidade para o ano que vén.
Financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, este proxecto ten como punto máis importante que as persoas participantes potencien as súas capacidades artísticas e que superen as dificultades que poidan atopar nesta aprendizaxe e/ou participación. O obxectivo principal é desenvolver e afianzar nas persoas participantes unha disciplina de creación e reflexión a longo prazo a través do coñecemento e posta en práctica de ferramentas, trucos e mecanismos propios do acto creativo e da realización dunha experiencia viva sobre as posibilidades da linguaxe escrita para expresar ideas e sentimentos.”