Entrevista a Anxos Sobriño en Sermos Galiza:
“Anxos Sobriño (O Rosal, 1971) é a nova presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Substitúe no cargo Nel Vidal, que levaba nove anos á fronte da entidade. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, traballa no equipo lingüístico da Audiencia de Pontevedra.
– Sermos Galiza (SG): Como comezas esta nova etapa á fronte da CTNL?
– Anxos Sobriño (AS): Con ilusión e responsabilidade. Para min realmente é unha gran responsabilidade porque a CTNL é máis que unha asociación. É unha escola de traballo, un grupo de amigos que medramos profesionalmente xuntos e agora presidila supón un gran reto e a oportunidade de aprender. Esta é unha entidade que funciona de maneira moi asemblearia, polo que todos e todas achegamos, así que ser presidenta é un cargo importante, mais o traballo é conxunto.
– SG: Que retos ten por diante?
– AS: Realmente, este cambio de dirección é unha continuidade do traballo feito con anterioridade. Non é que vaia cambiar as liñas de acción. Eu, como presidenta, espero continuar co bo traballo que se fixo até o de agora e melloralo na medida do posíbel, se se consegue. O principal reto é lograr que haxa un mellor traballo en normalización lingüística, máis colaboración e unha mellora da situación da lingua dentro das nosas posibilidades.
– SG: Cales son os próximos proxectos da CTNL?
– AS: Na asemblea decidimos as propostas de acción para o ano. Como esta é unha etapa de continuación, as actividades que se aprobaron foron seguir coa formación para o colectivo (con un ou dous cursos ao ano), colaborar co curso de verán de normalización que organiza a UDC e cos encontros para a normalización organizados polo Consello da Cultura e continuar nas propostas de colaboración entre servizos de normalización lingüística (porque está demostrado que se traballa moito mellor entre varios e aproveitamos con maior eficacia os recursos). Ademais, ao abeiro da CTNL, acordamos que seguiremos apoiando actividades como Apego ou o club de debate entre institutos. Seguiremos a fomentar o traballo de colaboración entre os servizos porque vemos que é útil e enriquecedor. Tamén continuaremos a organizar actividades como o LGX15 ou a campaña arredor do Día das Letras. (…)”