Desde Sermos Galiza (na foto, nunha homenaxe do ILG):
“David Mackenzie vén de falecer en Santiago de Compostela, onde residía. Profesor emérito da Universidade de Oxford, era un dos precursores dos estudos galegos no exterior.
Mackenzie, nado en Sutton-in-Ashfield, Nottinghamshire, en 1943, foi un investigador decisivo na creación e expansión dos estudos galegos no mundo académico anglófono e internacional. Estudou en Oxford e en Nottingham, onde se doutorou coa tese A critical edition with linguistic and historical introduction of the «Corónica de Santa Maria de Iria». Tralo seu paso pola British Library, foi profesor nas Universidades do Ulster, Birmingham e Cork. Fundador dos centros de estudos galegos nestas dúas últimas, foi asemade colaborador habitual do Hispanic Seminary of Medieval Studies na Universidade de Wisconsin-Madison.
Director tamén de diversas teses de mestrado e doutoramento de temática galega, o seu labor de investigación desenvolveuse entre os estudos ibéricos medievais, a lingüística e literatura galegas e a literatura española. O seu mestrado esténdese principalmente entre Europa e Norteamérica, onde desenvolveu o seu labor docente.
O seu compromiso coa cultura galega levouno a ser merecente do Pedrón de Ouro en 1994 e dun Premio da Cultura 2014. Tamén foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega (RAG). Era socio de honra da Asociación Internacional de Estudos Galegos e da Hispanic Society of América.”