Xabier Quiroga: “Hai unha mecha acesa, que di moito do que virá, xa sexa revolución ou desfeita dun sistema caduco”

EntrevistaXabier Quiroga de Montse Dopico a Xabier Quiroga en Praza:
“(…) – Praza (P): Nada máis comezar a novela [Izan o da saca] vese a conexión con O cabo do Mundo: o barqueiro, o taxista Reina, o tema da represión franquista… Pensaches, dalgunha maneira, esta novela como continuidade de O cabo do Mundo? Por que decidiches recuperar ao Reina?
– Xabier Quiroga (XQ): Para nada. Izan o da saca ten entidade propia e esa conexión coa Ribeira Sacra foi o resultado dunha decisión de autor: onde situar os feitos concretos da historia que se quere contar? Despois de meditalo, descartei a primeira opción, o Courel, e decidinme pola zona que máis coñezo e que aparece nalgunha das miñas obras anteriores. O motivo: crin que lle cadraba mellor un refuxio nazi nun lugar recóndito e espectacular como é o Cabo do Mundo. E o do barqueiro como personaxe, resulta unha novidade na miña novelística, aínda que teña escasa participación. De todas maneiras recoñezo que o resultado provoca no lector unha inmediata conexión coa novela que nomeas. En canto ao Reina ou Reiniña como protagonista, foi o resultado doutra decisión: tiña a historia planeada e feitas as investigacións, tiña a zona onde quería situar o remate, faltábame un investigador que remexese nese pasado nazi galego, tan escuro e perturbador, e como non quería un detective con carné nin un policía ao uso, caín na conta de que o Reina da miña anterior novela lle acaía a esta. Como ves, escribir consiste, ademais doutras lerias, en tomar moitas decisións. (…)
– P: (…) Sae polo medio o 15-M… e un discurso escéptico sobre o que movementos coma este poden conseguir, malia teren razón, debido á loita tremendamente desigual… As reflexións do personaxe son tamén túas, neste caso? Digo porque todas as túas novelas teñen que ver con iso: a loita contra o poder, a procura da liberdade… E semella raro que a posición sexa tan escéptica se o punto de partida é ese…
– XQ: As reflexións do protagonista sobre os movementos sociais, neste caso o 15-M, son as de calquera que pense, que se pare e reflexione. Facéndoo, axiña se chega ao escepticismo, maiormente vendo os medios oficiais revolverse a toda mecha para esnaquizar esa rebeldía que non só é xeracional, senón que ten unhas raíces máis profundas. Pero as reflexións do personaxe principal da novela, se non coinciden exactamente coa miña visión, tampouco pasaría nada, pois os personaxes, por veces, son entes que adquiren algo así como independencia ou vida propia, e ti, como autor, non podes facer outra que deixalos moverse polos feitos e opinar. E falando deste tema, da mecha, creo que hai unha que segue acesa e con futuro, o que di moito do que virá, xa sexa revolucións ou desfeita dun sistema caduco. E xa non imos máis aló, á conseguinte perversión de calquera sistema con boas intencións e sen definir ideoloxicamente.
– P: Hai personaxes que citas que existiron, como Xan de Forcados. Outros parecen inspirados en figuras reais. (Un historiador determinado, por exemplo). Que teñen de documentación e de ficción os personaxes principais? Mesturar as dúas cousas é algo que fas moito.
– XQ: Gozo documentándome e investigando para as miñas novelas, recoñézoo. Tanto como escribindo. Nesa tarefa dou coa realidade de feitos e de persoas que, considero, son de novela. De aí que as verta nas páxinas. Pero unhas son realidade constatada e outras mera invención. Moitos lectores me teñen manifestado que se puxeron a buscar información sobre tal ou cal personaxe ou circunstancia, e iso é importante. Mover á acción. Procurar por un mesmo. E eu non vou descubrir canto é real e canto ficción. O que si me gustaría advertir é que seguramente o real supera ou é moito peor cá invención. (…)”