Entrevista a María do Cebreiro na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Como entendes o processo de criação literária e, em geral, a artística?
– María do Cebreiro (MdC): Como un camiño cara ao coñecemento, o que non equivale a un xeito de saber, porque se soubese o que quero escribir non o escribiría. Como unha xanela aberta ao descoñecido, un modo de atoparme co que non sei de min ou de reconciliarme co que me asusta. Como unha pregunta que desencadea outra pregunta. Como un espazo de alegría e de liberdade.
– P: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)?
– MdC: Por unha banda semella que na contemporaneidade se lles outorga ás prácticas interartísticas un valor de seu, como se o feito de que un obxecto cultural sexa “híbrido” o fixese máis suxestivo ca outro que non o sexa. Con todo, tamén me pregunto se existe ou se algunha vez existiu a “pureza medial” nas artes. Na medida en que a nosa percepción e a nosa sensibilidade están mediadas por experiencias estéticas de natureza moi diversa (visuais, sonoras, táctiles…) o lóxico é que isto se traduza na tentativa de escribir dun xeito sensorial. E imaxino que os pintores ou artistas audiovisuais atoparán nas palabras potencialidades expresivas que lles pode resultar interesante e mesmo obrigado explorar. (…)
– P: Que visão tens sobre a literatura galega?
– MdC: Que goza dunha saúde excelente, sobre todo –e agardo que non sexa un xuízo de parte- no ámbito da poesía.
– P: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas (e os vínculos com a Lusofonia e outros espaços culturais)?
– MdC: Penso que na actualidade o desafío é entender que calquera literatura, incluída a galega, circula nun contexto global. Cómprenos pensar colectivamente o que implica para unha tradición cultural como a nosa o proceso de mundialización, tanto nas posibilidades que abre (por exemplo, cada vez hai máis autores galegos máis traducidos ao inglés que ao castelán) como nos condicionamentos, quizais non sempre tan positivos (por exemplo, unha certa best-sellerización, que me parece cada vez máis operante no ámbito da narrativa). (…)”