Darío Xohán Cabana: “Hai dous ou tres anos da actividade poética de Manuel María que son un auténtico milagre”

Entrevista???????????????????????????????????? a Darío Xohán Cabana na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Manuel María. Antoloxía poética é froito do traballo de dúas persoas, vostede e Amelia Outeiro. Foi difícil poñerse de acordo na escolma?
– Darío Xohán Cabana (DXC): Casualmente, coincidimos nos gustos dunha maneira case milagrosa. Durmimos e vivimos xuntos, e iso marca moito (ri). É unha escolma de lectores de poesía que levan máis de corenta anos lendo a Manuel María. Tanto eu como a miña muller lemos moita poesía e ela é mellor lectora incluso ca min, porque fai unha lectura máis lenta e reflexiva. Non tiñamos outra pretensión que escoller poemas moi bonitos, e punto. (…)
– RAG: Da escolla feita dedúcese que teñen predilección pola que chama no limiar liña lírica persoal.
– DXC: Gústanos tamén. Hai poemas do íntimo na primeira época, pero tamén en libros como Mar maior ou nos últimos que escribiu, fundamentalmente a partir do ano 1980, con versos que poñen os pelos de punta pola súa beleza e, sobre todo, pola súa intensidade emocional. Na última época Manuel María consegue unha intensidade emocional cunha economía de medios extraordinaria: poemas que parece que non son case nada son un mundo lírico. Por exemplo, “Alta tarde” (incluído n’A luz resucitada), que é dunha eficacia expresiva e unha densidade lírica milagrosa: “Déixome ir indo, na alta tarde, /cara á noite que me leva / como o río a folla vagamunda. / Non ofrezo resistencia: voume/ sulagando amodiño na dozura / da luz que me agarima / como se unha aza levísima / rozara os meus ensoños. / Camiño estantío cara á noite / coa certeza de que a miña / materia corporal ten de facerse / clara, sonora e transparente / como un fráxil vidro delicado. / A noite e o meu corpo son / un único latexo. Unha luz soia”. (…)
– RAG: Que lle pide daquela ao Día das Letras Galegas de 2016?
– DXC: Nada, porque va dar máis do que lle poda pedir. Probablemente a celebración do Día das Letras Galegas de 2016 sexa única no que eu alcanzo a ver, porque Manuel María estivo en toda Galicia e en gran parte dos lugares da emigración. Coñecía Galicia á perfección, entre outras cousas porque deu centos de recitais e conferencias, estivo en contacto con ducias de sociedades e entidades, en vilas e mesmo aldeas, porque a onde o chamaban ía. Ademais da súa función como escritor, tiña outra función única, a de ser unha especie de sacerdote ambulante do galeguismo. Ninguén deu tanto coma Manuel María á construción dunha cultura nacional, e vanllo pagar agora. Mágoa que el non estea para velo.”