Agroterror con Botana, Duncan e Rodrigues

EntrevistaXosé Duncan en Lermos.gal a David Botana, Xosé Duncan e Roberto A. Rodrigues:
“(…) – Lermos.gal (L): Xa sabemos que o número de lector*s en galego é moi reducido e que librarías, bibliotecas, crítica e demais organismos do mundo literario enfócanse principalmente nos contidos das dúas grandes editoriais… Sería unha tolería soñar cunha serie de novelas de ‘agroterror’ cando mesmo a fantasía o ten realmente difícil?
– Roberto Rodrigues (R. R.): Nada é imposible. Pero hai que ter en conta que publicar ten un prezo, económico e de tempo. Penso que para que un proxecto así saia adiante hai que lle botar moito altruísmo.
– David Botana (DB): Vender libros nesta terriña é complicado. Dígovolo eu que son fillo de libreiros, menos mal que tiñamos o As e a Superpop. Penso que primeiro vamos ter que buscar quen nos queira ler e quen o queira pagar, senón, como di Roberto, terase que escribir en plan misionero (polo do altruísmo, non polo da posición sexual… inda que…)
– Xosé Duncan (XD): Se a arte (si, o que nós facemos pode chamarse arte) ten que estar supeditada á economía… Todos temos a certeza que, agás uns poucos escollidos, non imos vivir disto de escribir e que sacrificamos o noso tempo de ocio (si, nós traballamos en outras cousas que non teñen que ver coa escrita) e martirizamos coas nosas neuras ás nosas familias é porque queremos ver o terror e a fantasía entre os xéneros que hai na literatura publicada en galego. Só espero que os nosos impulsos suicidas de escritores ignorados se contaxien a alguén máis…
– DB: Eu confío, sempre foi esta unha terra de tolos afoutos.
– L: E xa para rematar, se consideramos o rural galego algo tan ‘normal’ ou ‘habitual’ como os ermos páramos ingleses das novelas góticas, non debería ser o agroterror un elemento máis en calquera das obras de misterio escritas en galego? Ou xa o é/foi?
– DB: En parte xa o foi. Grandes autores galegos (falouse de Dieste e Fole) se teñen achegado ó rural na forma do terror, o misterio ou a fantasía. Pero o certo é que agora hai novos elementos, unha contaminación literaria distinta que está a dar cousiñas que dá gusto ler. Poida que o día de mañá ninguén se acorde, pero que risas que botamos mentres.
R.R.: Eu creo que debería, xaora, pero é que neste país as cousas non funcionan do mesmo xeito que no resto do mundo.
– XD: Pois, sinceramente, penso que, se a estas alturas da historia e da vida ás que estamos, temos que agardar a morrer ou a que pasen varias xeracións para que alguén se deteña, xa non digo a ler, a estudar o fenómeno do agroterror… Somos un país de zombies e non o sabemos. (…)”