O cubil das letras de… Concha Blanco

Desde Lermos.gal:
“Eu vivo nunha casa e aínda que moitas persoas pensan que iso é unha sorte, un privilexio (máis espazo, menos ruído…) non pensedes que está exento de problemas. No meu caso é así, pois non teño un só recanto para min. Teño dous. Un na planta baixa e outro no primeiro andar, que os uso segundo as circunstancias.
Se é un traballo de creación fágoo no espazo do baixo, pois eu escribo os orixinais á man. É un lugar amplo, con moita luz, tranquilo. Convivo nel cunha morea de libros, cun ordenador case xubilado e con varias esculturas feitas por Manolo, o meu home.
Para o resto do traballo que a literatura esixe prefiro o segundo recuncho, este no que me vedes na imaxe, máis pequeno, arrodeada de máis libros, máis esculturas, cadros, fotografías, recordos… Ademais ten unha ventá na que case tocan as pólas varudas do carballo da horta, onde agora está pendurado o bambán de Aniña, a neta.
E logo onde está o problema?
Pois… que aínda tendo nos dous sitios material por duplicado, obrígame a subir e a baixar escaleiras varias veces ao día.
(Unha boa maneira de facer exercicio, agora que o penso. Daquela … non é tan malo!)”

O cubil das letras de… María Canosa

Desde Lermos.gal:
“Por sorte ou por desgraza, mudei de vivenda abondas veces. Así é difícil definir de maneira permanente un lugar propio para a escrita. Incluso na mesma casa utilicei diferentes recunchos onde poder escribir en función da época, necesidades ou opcións.
O caso é que non podería quedar cun curruncho de escrita predilecto, porque cada un deles ten o seu momento, o seu sentido, dando vida a historias que, unha vez que saen á luz, xa se apoderan dunha querenza que é imposible obviar.
Así pois, busquei o denominador común deses lugares nos que sento a pensar, imaxinar, soñar, crear… escribir. Polas noites non me importa que sexa un acubillo pequecho, sen máis ca unha mesa e unha luz cálida, co silencio por compañeiro. Ás veces prendo candeas… as lapas van e veñen, como as ideas, as palabras. Polo día busco unha ventá, a luz natural, desviar a vista e atopar branco, azul, verde… A chuvia repenicando nos cristais…
Como tamén carezo de horario estrito, ás veces escribo no coche, mentres agardo por algo ou alguén, a que sexa a hora exacta. Tamén nos bares que me seducen. No lugar onde toque pasar a fin de semana…
Traslado o meu cubil alá onde vou. Nel sempre preciso un caderno máis un lapis ou un bolígrafo. Cadernos grandes e pequenos, grosos e finos, preferentemente coas páxinas totalmente brancas. Aí quedan manuscritas as ideas, algunha palabra, esa luz da candea que dá orixe a unha historia… incluso pode que escriba todo o texto nel.
O meu recuncho está, por iso, no papel.”

O cubil das letras de… Eli Ríos

Desde Lermos.gal:
“Poucas cousas acompañan a escrita. Unhas necesarias, outras imprescindibles.
Necesario ese router 4G porque, a estas beiras, aínda non chegan os fíos. Necesaria esa libreta co seu boli porque os vellos costumes nunca acaban por deixarnos.
Imprescindible esa xanela, na que acostuma estar a gatiña, que cando se abre trae os recendos do océano e o falar da rúa. O océano. Unha constante nas páxinas en branco. A liña de fuga da miopía. O falar da rúa, desa pega que, cada mañá, vén roubarlle a comida á cadela do veciño.
Imprescindible ese R2D2 que me agasallou un día porque si, sen razóns especiais, o meu fillo. Porque a escrita sen os afectos é calquera outra cousa.
Imprescindible ese compás, que non sae na foto, e sinala un noroeste porque non sempre é preciso procurar o norte.”

O cubil das letras de… Jorge Emilio Bóveda

Desde Lermos.gal:
“(…) Meu cubil está na bufarda da casa na que vivo. Ten andeis con libros non rigorosamente clasificados inda que sigan unha disposición de certa lóxica. Amoreo libros en galego, inglés, portugués e castelán, e meus temas predilectos son a historia, divulgación científica, narrativa galega, narrativa española dende o século XVIII en diante, literatura sudamericana, cine fantástico, esoterismo, filosofía, pedagoxía, filosofía, novela negra, ficción científica…
Para min é máis importante ler ca escribir. Inda que ás veces resulte difícil por mor dos ditados da vida. Procuro alimentar a biblioteca con certa periodicidade e a medida que os ingresos mo permiten.
Nun dos andeis gardo os cadernos con todos meus traballos literarios, xa que o primeiro borrador de cada obra é escrito sempre a man, con estilográfica ou bolígrafos de tinta líquida.
Pero, inda que este lugar semelle o tobo ideal para un creador, o certo é que miña dispersión me obriga a levar libros e cadernos pola casa adiante, recalando no dormitorio, no cuarto de baño, na cociña ou no coche. Sendo o zulo o singular Heorot ao que regreso todas as noites para facer memoria e alimentar o esquecemento. É así.”

Entrevista a Xurxo Esquío

Entrevistaxurxo-esquio de Xosé Duncan a Xurxo Esquío en Lermos.gal:
“(…) – Lermos (L): Cal é a túa relación coa literatura?
– Xurxo Esquío (XE): Pois son un avezado lector desde moi novo, comecei co típico: Salgari, Los Cinco, Los 6 amigos … etc., e aos trece anos lin un libro que me marcou bastante, O Hobbit de Tolkien. A partir de aí ata o de agora, nunca deixei o hábito nin as ganas de ler… Así que a miña relación, máis alá de ser un hobby, podería dicirse que é parasitaria, preciso a lectura para alimentar a miña imaxinación e para evadirme. (…)
– L: Que opinas do panorama literario galego, desde o punto de vista de lector?
– XE: Penso que é un pouco endogámico, ao mesmo que sucede con todo o espectro cultural galego, que eu coñeza. O amiguismo é un cancro en todos os ámbitos de Gz. Entón, vese un pouco sempre o mesmo e feito por @s mesm@s. Por outra banda, hai que ver quen gaña os certames, literatura moi tradicional, que non arrisca en absoluto, moi cuadriculada; con moita calidade e necesaria, si, pero tamén debería darse oportunidade a algo diferente, mesmo que conecte máis coa xuventude. Só algunha editorial máis pequena aposta por iso, como pode ser Urco, á que xa sei que estades conectados, e sen ánimo de “pelotear”, felicítovos por iso. Hai que arriscar, a literatura debe evolucionar ao ritmo da sociedade! (…)
– L: Algunha reflexión final, sobre a cultura galega, a política, as artes, o mundo en xeral?
– XE: Pois unha reflexión sobre a nosa cultura, que en primeiro termo é a pasada, a que fixeron os nosos devanceiros e que sentaron as bases do que somos e do que é a nosa cultura. Pero esta é un ente vivo, e coma tal vai mudando co paso do tempo, vai crecendo e para iso hai que coidala e alimentala. Polo tanto, tan importante debe ser a nosa cultura actual; mellor ou peor pero nosa. Por iso debemos apoiala de corazón e de cabeza, se realmente queremos avanzar na construción dun país mellor e máis avanzado socialmente. (…)”

Contos Estraños nº 2 “Xornada Fantástica” (2ª parte)

Artigo Xosé Duncande Xosé Duncan en Lermos.gal:
“(…) Rematamos o diálogo cos autores e coa autora que nos faltaban deste volume:
– Xosé Duncan: Quen es e que relación tes coa literatura?
– Maruxa Martínez: Eu son Maruxa Martínez. Desde que podo lembrar sempre tiven algún tipo de vínculo coa arte. De feito, na área plástica son bastante interdisciplinar e gústame experimentar co que non coñezo. Pero o certo é que a literatura é a arte na que empecei antes e tamén na que me sinto máis desenvolta.
– Saulo R. Mars: Pódese dicir que para min a literatura o é todo. É plasmar as miñas experiencias e soños sobre o papel. É facer realidade os soños que viaxan pola miña mente. Sinxelamente, é sacar eses mundos que todos levamos dentro para despois compartilos. (…)”

Contos Estraños nº 2 “Xornada Fantástica” (1ª parte)

Artigo Xosé Duncande Xosé Duncan en Lermos.gal:
“(…) – Xosé Duncan (XD): Quen es e que relación tes coa literatura?
– Manuel Moledo (MM): A mellor relación que pode ter unha persoa que ama, desfruta, venera, unha arte. Toda a vida encantoume ler, de neno era a miña afección favorita e, cos anos, non mudei de opinión.
– Lois Z (LZ): Son un ourensán nacido no 81, biólogo e residente en Santiago. A miña evolución de lector a autor foi gradual e moi espallada no tempo. Non houbo un momento concreto no que decidira ser escritor, simplemente ó botar a vista atrás dinme conta do tempo que lle estaba adicando a escribir e o que desfrutaba facéndoo.
Ata hoxe levo una boa chea de anos escribindo relatos, cun par de concursiños por aí ganados e uns cantos relatos publicados en varias antoloxías. Nada do outro mundo.
Tamén gusto de escribir sobre literatura, concretamente críticas ou comentarios (non recensións) de cousas que leo. Normalmente non son recibidas con moito agarimo. (…)”

Contos Estraños nº 1 (2ª parte)

Artigo Xosé Duncande Xosé Duncan en Lermos.gal:
“(…) – Xosé Duncan (XD): Por que enviaches un relato a Contos Estraños?
Jorge Emilio Bóveda (JEB): Enviei o relato porque sempre fun obsesivo coa figura de Lovecraft, que coñecía logo de ler biografías, de ler súa literatura e a de moitos epígonos da casa Arkham. Foi un grupo de persoas fascinante e moitos deles con biografías peculiares e agridoces. Sen dúbida o pulp é un concepto que me apaixona igual que o cinema de series B e Z, porque deu saída a verdadeiros artesáns da palabra e auténticos traballadores das letras. De aí que a idea de Contos Estraños fora tan acertada e me seducira. (…)
– XD: Que había, como autor/autora, antes de Contos Estraños?
– JEB: Antes de Contos Estraños houbo nove autoedicións de ensaios, novelas e grupos de relatos ata que Toxosoutos (Davide G. Couso) me publicou A vila das ánimas e A habitación secreta e Urco me publicou o libro de divulgación A xanela escura. (…)
– XD: Que houbo despois?
– JEB: O paso por Contos Estraños deixoume, principalmente, coñecer unha morea de xente creativa e marabillosa da casa Urco/Contos, xurdiron algunhas outras publicacións coa casa e con Enxebrebooks que á súa vez me estimularon con novas ideas para seguir coa miña vocación. Tamén teño especial interese en ser corporativo neste pequeno país tan dado ao minifundismo e cuns habitantes tan dados a ningunearse uns a outros. (…)”

Contos Estraños nº 1 (1ª parte)

Artigo Xosé Duncande Xosé Duncan en Lermos.gal:
“(…) – Xosé Duncan: Por que enviaches un relato a Contos Estraños?
– Ana Raven: E por que non? Era e é unha iniciativa atractiva dentro do panorama galego de literatura, onde poucas editoriais ou iniciativas confiaban na fantasía e na edición de relatos curtos de temática romántica, misteriosa ou gótica e Contos Estraños era unha proposta fresca, nova e innovadora que me atraeu desde o primeiro momento.
– Jacobo Feijoo: Porque o pensamento debe expresarse en todos os idiomas do mundo para chegar á xente do xeito máis natural posible para eles. Quería apoiar a lingua galega co meu graíño de area, pese a que me custa un pouco expresarme neste idioma.
– Tomás González Ahola: Aínda que pareza estraño, malia a miña experiencia no sector editorial, naquela altura estaba cheo de inseguranzas en canto a publicar a miña propia obra. Achábame escribindo a miña primeira novela, Galiza Mutante. Poder Nuclear! e ocorréuseme que publicar un extracto ou un relato ambientado nela na revista Contos Estraños podía ser un bo xeito de lle tomar o pulso ao público. Así e todo, o máis estraño, sen ningunha dúbida, foi enviarme o relato a min mesmo. (…)”

Contos Estraños nº 0 (2ª parte)

DesdeContos_Estraños_0-696x522 Lermos.gal, entrevista de Xosé Duncan:
“(…) – Lermos: Quen es e que relación tes coa literatura?
– Manu González (MG): A miña relación coa literatura vén dende moi pequeno. Comecei a ler tebeos e cómics, e logo novelas como O principiño, Momo ou A filla do espantallo. Un libro que marcou a miña infancia e o comezo da adolescencia foi a Historia interminable. A relación coa literatura intensificouse dende a miña entrada nun internado no norte de Navarra. As aventuras e as personaxes de Pío Baroja acompañáronme durante os longos invernos no pirineo navarro.
– Fernando Pérez (FP): Son un proxecto aínda de un aquel de querer escribir. Gústanme os libros, gústame todo o relacionado co mundo do libro e da literatura, ao que quixera adicarme nun futuro, espero, non afastado. Non sei… Unha relación de amor-odio? Unha desas.
– Roberto A. Rodrigues (RR): Supoño que son fillo do meu tempo. Un licenciado, como tantos outros, que non exerce, e que optou pola saída laboral que a vida lle puxo diante.
A miña relación coa literatura é estreita e constante. Teño esa gran sorte, non sei como poden vivir as persoas que non practican a lectura. Dende cativo veño lendo a diario e dende a adolescencia escribo. Ao principio eran só poemas, despois veu unha obra de teatro, os relatos e, á fin, as novelas. (…)”