Entrevista a Eli Ríos en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Con que anda agora?
– Eli Ríos (ER): A finais de mes sae Marta e a píntega gorrobella (Galaxia), un conto infantil sobre a empatía, que é unha das grandes eivas que temos nesta xeración de consumismo rápido. Quería retratar ese tema e fíxeno a partir de figuras moi recoñecibles, tanto para as nenas como para os nenos, que son as das princesas da tradición de Grimm. (…)
– LVG: ¿Desde cando escribe?
– ER: Levo moito tempo, pero visible, de participar en certames, son cinco anos. Tiña moi poucos anos cando empecei. O que pasa é que tiña unha tradición oral detrás, porque eu crieime nunha aldea onde era moi importante a tradición oral e entón empreguei unha base literaria de atrás da que non sabía pero cando me puxen a escribir aí estaba. (…)
– LVG: Resúltalle duro escribir?
– ER: Si, hai xente capaz de escribir nun bar, nunha servilleta. Para min non, é un proceso no que podo pasar un ano ou dous pensando nun proxecto e despois sentarme a escribir eu soa. Necesito un grao de concentración moi alto.
– LVG: ¿Non cree nas musas?
. ER: Non. Creo no traballo duro, porque podes ter unha idea que é chulísima, pode ser a mellor idea do mundo, que se ao final non lle traballas ritmo, métrica…, non lle traballas todo tipo de recursos, queda niso: unha idea moi bonita. (…)
– LVG: ¿De onde saíu esta nova xeración de escritoras?
– ER: Somos fillas da rabia, porque durante moitísimo tempo quixeron impornos un modelo de literatura, un modelo de sociedade, e nós non queremos, nós queremos ser do século XXI. Aí tes a Rosalía Fernández mesturando a poesía coa imaxe e tamén coa música. Hai que evolucionar, hai que dar un paso adiante… Os clásicos están moi ben pero temos xeracións de lectoras que hai que gañar e gañalas desde hoxe, non desde onte.”