Bases do XXI Certame Literario de Piñor

“A Asociación Música e Cultura de Galicia convoca o XXI Certame Literario de Piñor na especialidade de narracións breves.

1.- Establécense dúas categorías: A para participantes maiores de idade e B para participantes menores de idade.
Outorgaranse catro premios:
– 1º da categoría A: diploma, obsequio conmemorativo e 100 €.
– 2º da categoría A: diploma, obsequio conmemorativo e 70 €.
– 1º da categoría B: diploma, obsequio conmemorativo e 70 €.
– 2º da categoría B: diploma, obsequio conmemorativo e 60 €.
Para recibiren os seus galardóns, os gañadores deberán comparecer obrigatoriamente no acto de entrega de premios, perdendo ese dereito no caso contrario.
Un premio poderá ser declarado deserto cando o xurado así o determine e sempre por causa fundamentada.

2.- Os relatos, de temática libre, deberán ser orixinais, inéditos, en galego e non poderán estar xa premiados noutros certames. A súa extensión non excederá de 10 folios, mecanografados por unha soa cara e con interliñado de duplo espazo.

3.- Os traballos enviaranse por correo ordinario á Asociación Música e Cultura de Galicia (Rúa do Pito, 1. C. P. 32930. San Lourenzo de Piñor. Ourense), indicando no sobre: PARA O XXI CERTAME LITERARIO DE PIÑOR. Xunto cos traballos, os participantes deberán envia-los seus datos nun sobre no que aparecerá pola súa parte externa, o lema ou pseudónimo, así como a categoría na que participan. Dentro del, figurará o nome e apelidos do autor, idade, enderezo, correo electrónico e número de teléfono. Os traballos tamén poderán ser enviados mediante un correo electrónico a justocalvio@yahoo.es con dous arquivos Word, contendo o primeiro deles, denominado “relato”, a obra a concurso; e o segundo, denominado “plica”, os datos persoais que se esixen do autor. O prazo de admisión pecharase o mércores, 11 de maio de 2016.

4.- O fallo do xurado será inapelable e a entrega dos premios será o sábado, 21 de maio do 2016, nun acto que se celebrará no Teatro Principal de Ourense.

5.- Os relatos premiados publicaranse na web da A.C. Música e Cultura de Galicia (www.musicabarbadas.com), así como noutros medios de difusión. Os gañadores deberán enviar por correo electrónico os seus traballos á organización do certame. Destruiranse tódalas narracións presentadas ao certame, polo que non serán devoltas aos seus autores.

6.- A interpretación destas bases corresponderá exclusivamente ao xurado e o feito de presentaren as súas obras supón a conformidade dos participantes coas presentes bases.

Ourense, 8 de marzo de 2016″