Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Héctor Cajaraville:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A curiosidade universal por todo canto me rodea.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A capacidade de empatía, de poñerse no lugar do outro.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– A timidez.
5.– A súa ocupación favorita?
– Desde hai un tempo, correr.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Nesa mesma liña, os últimos 195 metros dunha maratón.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a vista.
8.– Que lle gustaría ser?
– Profesor.
9.– En que país desexaría vivir?
– Portugal.
10.– A súa cor favorita?
– O Pantone 7474 C.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A da pataca.
12.– O paxaro que prefire?
– Pingüín. Se serve como paxaro, que non sei…
13.– A súa devoción na prosa?
– García Márquez.
14.– E na poesía?
– Abstéñome debido á miña formidable ignorancia neste xénero.
15.– Un libro?
– El amor en los tiempos del cólera.
16.– Un heroe de ficción?
– Xesús Cristo.
17.– Unha heroína?
– Hai algunha muller que non o sexa nalgunha medida?
18.– A súa música favorita?
– A maioría, de cantautores: fíxome máis na letra que na melodía.
19.– Na pintura?
– El Bosco.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera capaz de arriscar a vida na procura doutra mellor para el ou ela e para os seus.
21.– O seu nome favorito?
– Héctor/Héitor non está mal.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Os golpiños co cóbado durante unha conversa para reclamar a túa atención.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza en calquera das súas infinitas manifestacións.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os militares que encabezaron o bando sublevado e desencadearon a guerra civil española.
25.– Un feito militar que admire?
– Non é un feito, son tamén figuras históricas: os voluntarios das Brigadas Internacionais que tomaron parte nesa contenda.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A facilidade de palabra.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Lúcido.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Levemente esperanzado no medio do cataclismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que se derivan da ignorancia máis que da mala intención.
30.– Un lema na súa vida?
– Ninguén é máis nin menos ca ninguén.”