Entrevista de Xosé Duncan a Xavier Estévez en Lermos.gal:
“- Lermos.gal (L): Quen é Xavier Estévez?
– Xavier Estévez (XE): Nacín en Bruxelas no ano 1969, fillo de emigrantes. Alí pasei os meus primeiros anos ata finalmente regresar coa miña familia a España no ano 1977. Tras estudar EXB en Vigo, fixen BUP e COU no Instituto da Guía da mesma cidade. En 1987 comecei os meus estudos de Maxisterio en Pontevedra para acadar a diplomatura en 1990. Os seguintes doce anos paseinos dando clase en diferentes escolas públicas de Galicia, ata entrar no ano 2003 no Colexio Divino Salvador (Vigo), onde sigo traballando na actualidade dando clase de Primaria.
Dende moi novo sentín unha grande atracción pola lectura e pola escrita. Os meus primeiros contos datan de cando tiña nove anos e o meu primeiro relato foi publicado (Faro de Vigo) á idade de dezaseis. Precisamente ese mundo infantil-xuvenil, vivido por min, é o que aparece reflectido nas miñas obras. En 2008 publico o meu primeiro libro A lenda do Rei Lobo (Ed. Tambre) e no ano 2010 o segundo, A rapaza da fiestra, na mesma editorial. No ano 2015 publico O corazón da maxia (Ed. Xerais) e Todos os soños (Ed. Tambre). (…)
– L: Pensas que é para ti máis doado motivalos [ao alumnado] por ter contacto cos dous mundos, o da docencia e o da escrita?
– XE: Quizais o feito de publicar teña unha grande relación co feito de ser mestre. Escribir, escribo dende moi pequeno. Non lembro moitas etapas da miña vida sen algún libro nas mans, que ler, para min sempre foi un dos grandes praceres. E o paso seguinte, escribir os meus contos, foi pouco despois, (gardo un conto meu de cando tiña nove anos que, seguramente, sexa o primeiro). Pero nestes anos de profesor, con tantas conversas sobre libros cos nenos, un acaba por descubrir cales son as súas inquedanzas, os seus soños, as súas preferencias. Así que, non só escribo as historias que a min me terían gustado con once anos, tamén escribo para eles, para os meus alumnos. (…)”