Ars dedicandi: Antonio Noriega Varela

DesdeAntonio Noriega Varela Do ermo o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Ás 19:00 h. do 27 de marzo de 1947 morría no seu domicilio da rúa Pardiñas en Viveiro o poeta Antonio Noriega Varela. Deixaba tras de si unha intensa vida e unha importante obra, principalmente etnográfica e, sobre todo, poética.
Como vate, Noriega foi autor dun único libro que foi facendo medrar ao longo dos anos e que, polo camiño, mesmo variou de nome. A primeira edición chamouna Montañesas e publicouna en 1904. Volveu facelo, co mesmo título, en 1910. Logo viñeron dúas versións case idénticas de 1920, unha edición posterior de 1929 e, finalmente, a testamentaria de 1946, poucos meses antes do pasamento.
A dedicatoria que aquí se recupera estampouse nun deses volumes de 1920. Sucede que existen dúas versións da mesma obra, que comparten tripa, pero que se diferencian polas cubertas. Unha delas presenta unha ilustración de tapa realizada por Castelao que representa unha paisaxe nevada na que destaca, en primeiro plano, un cruceiro alumado por un farol. A outra, de tons alaranxados, reproduce unha escena costumista na que semella haber unha esmoleira a canda un cativo ao pé dunha igrexa. Tamén se diferencian por reproducir unha a canda o título o nome completo ‘Antón Noriega Varela’ e indicar outra, sucintamente, ‘Por Noriega Varela’, feito que ten a súa explicación e que daría para outro post. (…)”

do_ermo_ars_dedicandi