Entrevista a Xabier P. DoCampo

EntrevistaXabierDoCampo 2 a Xabier P. DoCampo en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Xabier P. DoCampo (XPD): Toda a literatura, a que les e a que escribes (que é outra forma de ler: lerte) é “un esforzo por facer real a vida” (Pessoa dixit). A iso me acollo, ao desexo de atopar unha realidade que se me oculta, que me elude e que procuro na palabra, no texto, na narración ou no poema como lugares nos que habita unha realidade que ameaza esvaerse, que, de non ser pola literatura (e pola arte en xeral), fuxiría de nós afundíndose na nada. A min a literatura sálvame desa nada. (…)
– P: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária e, em geral, a artística?
– XPD: Non sei explicalo. As cousas suceden e entro nunha combinación entre deixarme levar e, ao mesmo tempo, pelexar co texto para facelo propio. Teño unha intuición do que quero escribir e unha loita con como quero dicilo.
Poño un exemplo. Canto máis sei dunha novela, do seu argumento, da súa trama, máis traballo me custa escribila. Necesito que me vaia sorprendendo, preciso ver como se vai construíndo diante de min mentres eu pelexo coa linguaxe e esta vaise apropiando do proceso da escrita e facéndose creación. En fin, eu que sei como raios é isto? Ten moito de misterio… por iso me gusta tanto facelo. (…)
– P: Que caminhos entendes que seria interessante transitar na literatura e nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, hoje?
– XPD: Isto é moi doado de responder: facer boas obras. A boa obra prevalece por enriba de calquera atranco. Despois temos que nos facer donos dos medios de comunicar as obras ao público e iso só é posíbel con soberanía nacional, único xeito de poñelas á par con calquera obra universal. Se non somos donos de nós seremos sempre alimento da colonización cultural (e da outra, pero non é do que ando a escribir aquí hoxe).
– P: Que visão tens sobre a literatura galega?
– XPD: Véxoa cos mesmos criterios que vexo calquera outra literatura, por tanto nela hai clásicos que leo con devoción e novidades entre as que hai cousas que me gustan máis e outras que me gustan menos. Vista como tal, coma unha literatura plena, debemos fornecela cada día de máis lector@s, para iso necesitamos o concurso e a axuda da escola, porque é aí onde a persoa ten o primeiro contacto coa lectura literaria, o lugar onde se fan @s lector@s do presente e do futuro. Se @s nen@s e mociñ@s se achegan, ben orientados por un profesorado competente e con boa disposición cara á nosa lingua, á literatura galega, serán lectores de literatura galega toda a súa vida. Mais agora mesmo a lexislación educativa está nas mans de persoas e institucións que teiman en lexislar en contra da súa propia lingua e cultura, supoño que os nosos esforzos deben dedicarse a librar ao país dese persoal lingüicida. (…)”