Xosé Estévez: “Manuel María é o grande persoeiro da nación galega na segunda metade do XX”

EntrevistaXosé Estévez a Xosé Estévez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): O 25 de marzo ofrece unha conferencia en Quiroga sobre Manuel María, a quen considera como “un dos tres grandes da nación galega”, xunto con Castelao e Rosalía.
– Xosé Estévez (XE): Para min si, desde logo. Considero que na segunda metade do século XIX foi Rosalía de Castro, na primeira do XX Castelao, e na segunda metade do século XX, Manuel María.
– SG: É unha afirmación…
– XE: …un pouco contundente, si, pero é unha afirmación persoal. Outros dirán outra cousa, pero Manuel María foi un home polifacético, erudito, dunha sabiduría extraordinaria, que tiña un coñecemento inmenso da literatura e da cultura galega, e tamén española, portuguesa e mesmo da francesa. E tiña unha capacidade oratoria fenomenal, unha voz moi atraínte e, sobre todo, era unha excelentísima persoa, que é o máis importante. (…)
– SG: Nos relatorios fala sobre a relación de Manuel María co val de Quiroga. Tan importante foi?
– XE: É moi importante porque Manuel María tiña un sentimento telúrico de arraigo coa terra. Era un home profundamente enraizado no país e, dentro do país, había unha serie de bisbarras que para el tiñan unha significación especial. A primeira, está claro, é a Terra Chá, Outeiro de Rei, o seu pobo natal, e dentro de Galiza tiña outras zonas polas que sentía unha querencia especial, como a zona do Carballiño, o Ribeiro e a bisbarra de Quiroga, de onde proviña a súa avoa materna. Ao vivir en Monforte desprazábase continuamente a Quiroga para facer artigos e poemas sobre este val, sobre que publicou máis de 30 textos tanto n’A Nosa Terra coma no Correo Gallego. El ía ao restaurante chamado Remansiño a comer troita e caza, que lle gustaba moito, e fixo amizade con moita xente de alí, e escribiu sobre moitos lugares e personaxes de alí. (…)
– SG: Vostede publicou varias obras para dar a coñecer Galiza en Euskadi e viceversa, supoño que buscando un maior entendemento entre os dous países.
– XE: A miña teima sempre foi mostrar a relación de irmanamento e a solidariedade entre os dous pobos. Por casualidade, o tema da miña tese de doutoramento, que era o Galeusca, deumo a coñecer un frade capuchino que estivo exiliado en Bos Aires e que coñecera a Castelao. Logo empecei a profundizar no tema e atopei moitos convenios e tratados entre vascos, galegos e cataláns, que databan xa do ano 1923, e que se renovaron nos anos 1933, 40, no 45 no exilio, en París no 70. E esa foi sempre a miña teima desde que empecei a investigar desde os anos 74-75. (…)”