Entrevista a Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Presentades O valente coello que quixo soñar, o voso novo libro, como unha metáfora sobre o que somos e sobre o que podemos ser. Que é o que nos afasta deses dous conceptos?
– Miguel Ángel Alonso Diz (MAAD): Hai quen afirma que cada un de nós somos de tres formas: como nos ven, como nos vemos e como realmente somos. Por mor do meu traballo móvome moito por Galicia e téñome atopado con xente que, neste período de crise económica, están aproveitando para retomar cousas que realmente lles presta, xa que din que, para estar amolados, polo menos facer aquilo co que conseguen ser felices.
Moitas persoas son algo que non deberían ser. Eu, nun momento da miña vida, fun algo que non quería ser. Tomei a determinación de facer o que me fixese feliz. E non é doado, xa que require unha valentía e un esforzo. Tes que facer fronte a moitas cousas, tanto materiais como de incomprensión. Hai que ser valente e, sobre todo, ser fiel. Todo iso queda reflectido na dedicatoria de O valente coello que quixo soñar: “O futuro é noso con só imaxinalo e camiñar”. Só precisamos dunha cousa: fe no que facemos, fe en nós mesmos. (…)
– FL: A través de obradoiros, contacontos e outras actividades mantén un contacto fluído cos lectores infantís. Élles doado a recepción desas mensaxes?
– MAAD: Adaptas a linguaxe a eles, claro. Xa o fas de primeiras nos propios textos. Imparto clases de comunicación, e se estou a falar cun enxeñeiro os dous temos que adaptar as nosas linguaxes para nos entender. Acontece o mesmo neste caso, intentas adaptar a linguaxe a eles, pero tampouco buscas que collan todo. Teño a ilusión de que cando lean un libro meu de pequenos e logo o relean de maiores ou llos conten aos seus fillos vaian atopando novos matices á lectura. De todos os xeitos non podemos subestimar a capacidade dos rapaces. De feito, co libro de O Cullarapo Croque un rapaz de catro anos fíxome a lectura máis fonda do libro. (…)
– FL: Neste libro o que si vemos é que hai un cambio radical, respecto a traballos anteriores, nas ilustracións de Luz. (…)
– Luz Beloso (LB): O máis divertido de ilustrar é o feito de experimentar, de probar sempre cousas novas e aprender que existen infinidade de formas de crear.
A ilustración deste libro xorde dunha forma espontánea, foi case coma un xogo no que ía descubrindo nas pedras novos personaxes. Digamos que o proceso é algo parecido ao xogo infantil de ver caras nas manchas das paredes. Pois ben, neste proxecto eu decido sacar esas formas creadas polas manchas á luz e compoñer coas formas creadas polas pedras no escenario que me acompaña nese momento: o mar. (…)(
– MAAD: Nós creamos creativamente. Luz precisa de novos estímulos para traballar, para crear, e repetirse lévao mal. O que buscamos os dous é divertirnos co que facemos. Logo iso transcende aos libros. É unha proposta totalmente diferente, que pode gustar máis ou pode gustar menos, pero é diferente, e a nós serviunos para aprender, xogar, descubrir novas formas de traballar. Foi moi enriquecedor, a verdade. (…)”