Francisco Castro: “A literatura é un acto de comunicación. Un eu que busca un ti”

Entrevista Francisco Castro 2016a Francisco Castro en Primeiro Movemento:
“(…) – Primeiro Movemento (PM): Que che leva a escribir sobre o amor?
– Francisco Castro (FC): É que é o único tema sobre o que escribo. Eu empezo as novelas convencido de que esta vai ser distinta e, cando levo 50 páxinas, é como se espertase brutalmente do soño e digo: “anda, outra vez”. Ten moito que ver comigo. Aínda que escriba un libro con este título [Amor é unha palabra coma outra calquera], é o meu centro gravitacional. É o que me leva a vivir todo cunha intensidade brutal. Por exemplo o tema da paternidade ou simplemente como establezo as relacións coas persoas que me interesan.
– PM: Xa que falas de paternidade. No teu libro hai unha clara aposta polo empoderamento feminino. Como imaxinas o mundo no que vivirá a túa filla? Melloraremos?
– FC: Quero pensar que si e teño dez millóns de argumentos diarios para que se me confirme que non. Estamos vendo un repunte da violencia machista en idades cada vez máis temperás. Asistimos á asunción de comportamentos machistas por rapazas cada vez máis novas e educadas nun discurso de igualdade e contra o machismo. Por dicir algo moi politicamente incorrecto: estamos fracasando, como fracasamos co tema da lingua. Baixamos da metade dos falantes de galego en Galicia cando levamos xa 30 ou máis anos co galego no ensino e con medios de comunicación que, aínda que son poucos, vense moi activos e traballan moi ben a prol do galego.
Porén, descenden as porcentaxes. É un fracaso que eduquemos na igualdade, no respecto e contra toda clase de actitude violenta en cuestión de xénero e que, aínda así, aparezan este tipo de discursos en rapazas e rapaces cada vez máis novos. (…)
– PM: Nós sempre nos preguntamos que música escoitan os músicos, pero os escritores, que len cando non están escribindo?
– FC: Eu sei o que leo eu (risas). Ademais leo profesionalmente, o traballo dos editores é ler e nos pagan, logo aquelo que nos gusta publicámolo. Dende moi pequecho sempre fun un lector caótico e desordenado. Tiven a fortuna de cruzarme con Borges aos dezaoito e ler a súa obra completa. Isto quizais poda explicar algunha clase de desvarío intelectual, pero leo de todo, creo que hai que ser así. Téñolle moito medo ás persoa que falan de alta literatura e atrévense a diagnosticar que determinado libro non é literatura e cal si.
Isto vese claramente cos que prexulgan negativamente a literatura xuvenil e infantil. Eu como toco tódolos paus síntome autorizado para falar disto, por iso hai moita xente á que retaría a escribir un libro infantil. Son editor de infantil e recibo propostas de xente que xa ten obra publicada e que cometen un erro de enfoque, cren que ao cativo ou á cativa hai que tratalo como se tivese algún tipo de retraso intelectual profundo ou que hai que falarlle en diminutivos. Non é así.
A illa do tesouro podería ser entendida perfectamente como literatura xuvenil, pois eu creo que é altisima literatura. Deberiamos respectar un pouquiño máis. Respecto todas as formas de arte e penso que é un síntoma de cultura. Cando alguén se pon a máscara dicindo que está na elite, a min dame o riso e no fondo cachondéome bastante deles. (…)”