Entrevista de Xesús Fraga a Xavier Queipo en La Voz de Galicia:
“Os kowa (Galaxia), a novela coa que Xavier Queipo (Santiago, 1957) gañou o último premio Blanco Amor, arranca en Europa para logo desprazarse á Amazonía, seguindo ao seu protagonista, un naturalista que marcha tralo ronsel dunha bolboreta e se perde na selva. O escritor, residente en Bruxelas, visita estes días Galicia para presentar o seu libro, mañá en Compostela (Libraría Pedreira, 20 horas) e o xoves en Vigo (Andel, 20 horas).
– La Voz de Galicia (LVG): No noso mundo hiperconectado, ¿a verdadeira aventura segue a ser a descuberta do humano?
– Xavier Queipo (XQ): A aventura está presente en cada sensación, en como esta se percibe e se entende. Temos máis información, é certo, do que imos atopar nun contexto determinado, mais non a temos de como nós imos vivir esa experiencia, que está ligada a nosa percepción, algo sublime no senso de individual e complexo. (…)
– LVG: Xa escribiu hai moito tempo sobre o Ártico: que posibilidades narrativas ofrece o Trópico fronte aos polos?
– XQ: As posibilidades narrativas existen en calquera punto da xeografía. A percepción inicial é que os Trópicos son un escenario barroco en contraposición ao Ártico, máis minimalista. Esta percepción dilúese co exercicio narrativo que require de estímulos externos e internos. O abraio dos glaciares e das montañas de xeo, dos océanos inzados de baleas e do xogo de luces na auroras boreais é distinto daquel que se vive na selva que pasado un tempo semella monótona e interminábel, diferente aínda dos desertos que tamén hai nos trópicos. (…)
– LVG: ¿Cre que de vivir en Galicia habitualmente a súa obra literaria tería sido moi distinta?
– XQ: Os textos que eu escribo constrúense nunhas coordenadas xeográficas afastadas, isto é certo, mais constrúense tamén na base dunha tradición literaria, a partir da experiencia de vida, das lecturas, do que se escoita, do que se soña e do que acontece arredor de min. Algúns destes parámetros están claramente marcados pola xeografía, outros son independentes. Noutras palabras, si sería diferente, mais non podo adiviñar a magnitude desa diferenza.
– LVG: Houbo no seu discurso de aceptación do Blanco Amor unha reivindicación dunha ollada emigrante, diaspórica, da cultura galega. ¿Que trazos a identifican e que supón no conxunto da nosa cultura?
– XQ: A lectura que fai é atinada. Volvendo outra vez os parámetros, a arte da literatura aliméntase de sensacións, internas e externas. O vivir en permanencia no mesmo nicho ecolóxico, sen interactuar co mundo, pode levar a unha visión cativa do que é a vida e o mundo. Explorar é necesario para un escritor, na forma e nos contidos. Se non queremos ver máis alá do Padornelo, non daremos saído deste momento de estancamento temático e formal no que habitamos.”