Camilo Nogueira, recoñecido co Premio Trasalba

DesdeCamilo Nogueira Sermos Galiza:
“O economista, enxeñeiro, ensaísta e político galego Camilo Nogueira Román (Lavadores, Vigo, 1936) recibirá o próximo 26 de xuño o Premio Trasalba que todos os anos concede a Fundación Otero Pedrayo a unha personalidade destacada no galeguismo. O escritor Suso de Toro, que en 1991 publicou o libro de conversas Camilo Nogueira e outras voces, será o encargado de pronunciar a correspondente laudatio, e a Fundación, como vén sendo habitual, publicará un libro-homenaxe ao premiado.
A Fundación valora a personalidade de toda unha vida entregada á causa de Galiza, da súa identidade nacional e cultural, salientando de xeito especial a vocación e compromiso europeísta de Camilo Nogueira, na mellor tradición dos homes da xeración Nós e, máis en concreto, de Ramón Otero Pedrayo.
A xeración Nós comprometeuse moi decididamente na dimensión europea e europeísta de Galicia como nación. Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, entre outros, pronunciáronse moi conscientemente por este vencello histórico, que enmarca Galiza na construción do grande universo europeo mesmo desde as primeiras concepcións da Europa moderna. Como ensaísta, ademais de como político, Camilo Nogueira desenvolveu e desenvolve unha intensa actividade nesta dirección, con libros como Europa, o continente pensado (2008) e Galiza na Unión (2008). (…)”