Desde Lermos.gal:
“(…) Este é o recuncho onde paso o máis do día e de xeito especial desde que, hai case dez anos, me xubilei. Aquí leo, escribo, penso e recibo a algúns amigos que teñan gana de botar unha parrafeada. Como se ve, aínda que na foto non sae o cuarto enteiro, estou rodeado de libros (hai outros dous cuartos da casa destinados a acubillar os moitos libros que fun acumulando ao longo da vida), de recordos e dalgunhas das ilustracións (tamén hai moitas máis pola casa adiante) que me agasallaron os ilustradores dos meus libros. Por diante dos libros, ademais de recordos de viaxes e agasallos, hai tamén fotos de momentos da miña vida e dos meus seres queridos ou fotos varias da autoría da mesma persoa que fixo a que aquí podedes ver. Tamén as hai de Castelao, Rosalía de Castro, Bóveda e dos amigos Uxío Novoneyra, Manuel Maria, Paco Martín ou Agustín Fernández Paz. E múltiples debuxos do meu benquerido amigo Xosé Cobas, ligados algúns deles a momentos especiais da miña vida ou do noso traballo en común.
A mesa, como se ve, está chea de libros, papeis, revistas, cadernos… ademais do computador no que escribo ou leo a prensa cada día.
E mais nada, só que aquí tedes a vosa casa tod@s cant@s veñades de boa fe.”