Entrevista ao escritor Xosé Manuel Martínez Oca

EntrevistaXosé Manuel Martínez Oca a Xosé Manuel Martínez Oca en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Xosé Manuel Martínez Oca (XMMO): A pregunta tería que respondela desde dous distintos puntos de vista e as respostas son tópicas en calquera deles. Como lector é tanto unha fonte de coñecementos, moitas veces inesperados, como un modo de gozar con historias, personaxes e situacións que, xeralmente, enriquecen a miña vida e a miña maneira de pensar. Como autor sérveme non só como pasatempo, senón tamén para tratar de me explicar a min mesmo comportamentos moitas veces pouco comprensibles e para revivir (e modificar e inventar) recordos que me producen pracer, e saudade, e tamén dor en ocasións. A posibilidade de modificar, aínda que só sexa no papel, o que é e o que foi a miña vida e a de algunha xente que coñezo, me rodea e coa que convivo.
– P: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária e, em geral, a artística?
– XMMO: Xeralmente parto dunha idea pouco ou nada elaborada e voulle tratando de dar forma á medida que escribo, sen ter nunca moi claro cando remato un parágrafo, ou unha páxina, como vai ser o seguinte, nin se serei capaz de chegar a un final que, en certo xeito, redondee un pouco a historia da cal aínda non teño formada unha idea cabal. Evidentemente todo moi pouco profesional. ¿Como é en xeral o proceso de creación? Non o sei. No referente á escrita teño lido algúns libros con consellos sobre como escribir unha novela, pero sempre acabo coa sensación de que o autor está a me tomar o pelo, fala por falar, ou escribe por escribir, o primeiro que lle vén á cabeza. En realidade creo que nin el mesmo segue eses procesos creativos que recomenda. (…)
– P: Que caminhos entendes que seria interessante transitar na literatura e nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, hoje?
– XMMO: Non me gusta marcar camiños, entre outras cousas porque tampouco sei de ningunha fórmula para chegar a interesar a ese público ou esa sociedade. Só penso que, descontando as promocións, flor dun día, xeralmente enganosas, o esforzo por mellorar a propia obra, sen complexos nin desánimos, é o único camiño para ser aceptados, e requeridos, por aqueles a quen vai destinada. (…)”