Desde Sermos Galiza:
“Gelria (que tira o seu nome do barco holandés no que embarcou Manuel Antonio) lanzará á venda o próximo 23 de abril o seu primeiro traballo discográfico. Baixo o título Cantos de poeta, o álbum percorrerá a historia da poesía galega contemporánea, desde o Rexurdimento até a actualidade a través dos versos de catorce poetas aos que lles poñerán música. A banda -creada en 2014 por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano)- estréase así cun proxecto que se presenta en formato de libro-disco acompañado de fotografías e ilustracións e no que, ademais, se incluirán as letras dos diferentes temas en galego, portugués, castelán e inglés.
Cantos de poeta recolle un total de catorce poemas cuxa selección busca trazar un itinerario musical das diferentes etapas da poesía galega contemporánea, ademais de achegar unha radiografía -a través da música e dos versos- do imaxinario colectivo galego. É un disco ecléctico que posúe resonancias de diferentes estilos e xéneros -desde a música tradicional á contemporánea, pasando polo jazz- que propón un percorrido polas diferentes etapas da nosa historia poética. (…)”