A obra de Manuel María escóitase en todo o país

DesdeManuel María Sermos Galiza:
“Na Galiza conmemoramos este 23 de abril, Día do Libro, empapándonos da obra de Manuel María, con lecturas públicas que tiveron lugar en medio cento de concellos de toda a xeografía do país. “É difícil saber o número de persoas que participaron nas actividades. No acto da Coruña, que durou dúas horas e media, nunca houbo menos de 150 persoas no local”, explica en declaracións a Sermos Galiza o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, que calcula que só na cidade herculina participarían unhas 300 persoas.
A lectura non só foi tal. Tamén se cantou Manuel María con música, recuperouse con maxia e até con representacións teatrais das súas pezas dramáticas. A celebración deste Día do Libro con Manuel María xurdiu da man da fundación que leva o seu nome, que abriu unha convocatoria pública para que quen quixer sumarse collese o testemuño para organizar lecturas abertas.
“Que mellor forma que celebrar unha obra literaria ou un escritor que lendo a súa obra?”, salienta Ansede, que agradece a resposta de concellos, asociacións culturais e veciñais, bibliotecas e mesmo de comisións creadas a tal efecto á hora de facer súa a actividade arredor da obra do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras.
“Gústanos moito que se fale de Manuel María, pero gústanos moitísimo máis que se deixe falar o propio Manuel María, coa súa obra rica e abondosa”, expón o secretario da fundación, que explica que os actos que teñen lugar este sábado “tratan de fuxir das declaracións de amor ao escritor, case sempre esaxeradas e baleiras e buscan compartir colectivamente a riqueza e vixencia dun escritor como Manuel María”. Así, apela a “escapar da celebración puramente cerimonial que oculta a propia obra e deixar que a obra sexa a que fale”. (…)”