Entrevista a Xosé Duncan

EntrevistaXosé Duncan a Xosé Duncan en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que representa para ti a literatura?
– Xosé Duncan (XD): É a forma de expresión na que decidín plasmar os meus soños e pesadelos. Non foi a miña primeira opción nin tampouco a única, porén, é coa que máis cómodo estou e coa que, penso, acado os mellores resultados. É, tamén, o xeito de transmitir historias que acho máis persoal, íntimo e particular. Hai obras de teatro e filmes marabillosos, xaora, mais xa dan parte do imaxinario feito, ben por medio de escenarios, efectos especiais, vestiarios ou, mesmo, as interpretacións. Cando asistimos a unha produción teatral ou cinematográfica, máis do oitenta por certo (case o cen por cen se se trata dunha obra yanki) está xa creado e sérvese en bandexa aos ollos da audiencia. Na literatura, malia existir unha emisión e unha recepción, a porcentaxe de aporte está, como pouco, ao cincuenta por cento. O libro narra e describe a súa historia mais é a persoa receptora a que decide como son os escenarios, visualizándoos na súa mente. Se non fose algo que facemos acotío semellaría algo máxico, non si? De aí que, en moitas ocasións, me mostre tan crítico co purismo exacerbado que analiza as obras literarias. Considero que perden moito tempo examinando as estruturas e as normas, deixando nun segundo plano o realmente importante, a historia, o fondo, a mensaxe que querían transmitir esas palabras impresas nas páxinas do volume. Aínda que, claro, despois diremos que como se vai facer unha recensión ou unha crítica diso que é tan subxectivo… Non sei, se es crítico dunha arte terás que aportar algo máis que se fixeses reviews de trebellos tecnolóxicos, non? Se @s creador*s temos que crear fantasía, dándolle forma coas palabras, as críticas deberían tratar a partes iguais ambos compoñentes. Haberá xente que le un libro e esixirá a perfección na súa sintaxe e semántica e outra que o lerá polo mero pracer de gozar coa súa lectura e a súa historia.
– P: Como entendes (e practicas) o processo de criação literária -e artística, em geral-?
– XD: Eu sempre parto dun concepto, dunha idea. Normalmente dunha imaxe ou unha escena na que sitúo unha personaxe e imaxino o que estará a sentir. A partir de aí, debuxo un mundo ao seu redor e engado actrices e actores secundarios e penso nun punto de partida, nun acontecemento ou feito no que se ve envolt@ es@ protagonista e que detone o comezo da trama. Gusto da evolución natural e lóxica da aventura e por ese motivo, e moitos outros menos xustificados, non teño definido a priori o argumento completo nin, moito menos, o final. É certo que iso pode crear un desasosego enorme e pesa como unha laxe a incerteza de se vou ser capaz de continuar esa estrada sen asfaltar. Mais é a única forma que coñezo de gozar da historia do mesmo xeito que o fará quen me vaia ler. Tamén estou convencido de que a narración ten así a súa máxima liberdade para fluír nunha dirección ou noutra a medida que as personaxes van gañando peso e van aportando os seus propios dramas (non concibidos de antemán).
Non vou mentir. Algunha vez tentei facer un marabilloso esquema, cos puntos básicos de cada capítulo, o nexo de unión entre todos eles e o fluxo que debería seguir a trama principal. No segundo capítulo ocorréuseme meter unha personaxe secundaria que gañou tal peso que fixo tremer os cimentos de todo canto pensara. Quen son eu para lle dicir a unha personaxe que non merece máis que medio capítulo de gloria? A maioría das veces elas saben o que deben facer moito mellor ca min. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para a literatura, e quaisquer outras artes, na sua comunicação com a sociedade?
– XD: É difícil porque, na miña opinión, debería camiñar simultaneamente por dous vieiros. Un deles ten a obriga de facer chegar uns valores e unha aprendizaxe, sobre todo se pensamos na literatura orientada ás crianzas. O outro é o de se manter actualizada, próxima e atractiva. Penso que a palabra clave é sintonía. Se te empeñas en manter un sistema obsoleto e desfasado, crearás desacordes e roturas de entendemento, farás pensar á xente que non estás na súa onda, na súa frecuencia. Mais eses só serían o primeiro paso. As artes deberían sorprender, revolucionar, forzar á xente a evolucionar, seren vangardistas. Se tentas combinar estes tres camiños verás que podes facer de todo agás ser conformista. Obviamente, isto é de todo menos comercial e, polo tanto, de pouco interese para aqueles profesionais que traballan nas artes coa única pretensión de gañar cartos, sen querer asumir as obrigacións que implica conservar e promover a cultura. Cando se ve un feixe de libros como un saco de patacas, hai un problema grave. (…)”