Entrevista a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿As librarías non poden desaparecer?
– Manuel Rivas (MR): Non. O que se reivindica tamén no libro é a libraría como lugar humano porque aí hai memoria, emoción, hai esa mediación entre o libro e as persoas. Pero tamén é un lugar de resistencia que preservar fronte ao baleiro. Na libraría somos todos iguais, aínda que veñamos de diferente procedencia ou condición social. É o lugar da igualdade entre os vivos, pero tamén estamos entre iguais a través dos séculos co mellor que deu a humanidade. Estamos entre iguais con Cervantes e con Shakespeare, con Rosalía e con Emily Dickinson, Homero e García Lorca, con Blanco Amor e Dickens. Pero ademais diso, estamos entre iguais cos personaxes que deixan de ser de ficción e son parte da nosa realidade máis intima como son Hamlet e Don Quixote, a Amparo da Tribuna de Emilia Pardo Bazán ou o Milhomes de A Esmorga. Ulises está alí con Antígona ou ao mellor namórase de Madame Bovary. ¡Eu que sei!
– LVG: A libraría tamén é un espazo de revolución. ¿Precisamos facer unha nestes momentos?
– MR: Walter Benjamin dicía que a revolución en certos momentos non é tanto pór en marcha unha locomotora, senón freala, frear a catástrofe. Penso que a desaparición dos lugares humanos equivale á extinción da biodiversidade da natureza. As librarías, nese senso, serían como os detectores das probas da catástrofe de perda de humanidade. (…)
– LVG: Galicia foi unha terra inspiradora e de acollida….
– MR: É un lugar de fin da Terra histórica ao que chegan moitos pobos refuxiados. Logo non había un alén. Era un peirao de embarque cara o máis alá. Galicia non só resulta un lugar céltico, tamén doutros pobos. Os suevos tiveron aquí un reino por 200 anos. Sánchez Albornoz di que ese pobo guerreiro fundiu as espadas para facer arados. Paréceme que é das metáforas históricas máis atractivas, que a xente transforma as espadas para facer fértil a terra.”