Desde o blogue Bolboretas no bandullo:
“(…) – P: Manuel María é sen dúbida a figura literaria do ano, mais nós estamos convencidos de que tamén está no cumio de relevancia histórica da nosa literatura. Por que podemos estar tan orgullosos de honramos este ano polas Letras Galegas un autor como o Manuel?
– R: Manuel María é o referente intelectual galego da segunda metade do século XX. Así o constata o seu perfil poliédrico como escritor, erudito, conferenciante, dinamizador sociocultural, activista político, editor, libreiro, froito dun auténtico amor a Galiza, ao idioma, ao pobo, asentado nunha inesgotábel vocación de escritor, nomeadamente poeta, desde a firme vontade de partillar a palabra como esencia máxima da construcción do ser individual e da nación colectiva.
Agradecemento e orgullo coido que son dous trazos que definen o intenso calendario de actividades que se espallan sen descanso polo país, mesmo desde comezos de ano.
Manuel María foi inmensamente xeneroso. Traballou para construír un país no que acreditaba e ao que amaba. Agora tócanos volverlle tanto cariño como nos aprendeu desde a súa sabedoría e autoestima como galego.
– P: Ti tiveches o pracer e a sorte de o coñecer. Son moit@s @s que falan del como unha persoa directa e que tiña moi claras as cousas e o camiño para loitar por elas. Cal é a primeira imaxe que che vén á cabeza del?
– R: A primeira imaxe de Manuel e Saleta trasládame a Monforte, á libraría Xistral, a comezos dos anos 90. Acudín alí xunto cun compañeiro de promoción, Anxo Gómez, recén licenciados como filólogos, para lle pedirmos información sobre Xan da Cova, un autor que estabamos a investigar para preparar a edición da súa obra La Galiciana, que máis adiante vería a luz nos Cadernos de Teatro Galego, baixo a dirección de Francisco Pillado.
O noso nerviosismo era patente, pois eramos conscientes da persoa e do escritor que iamos visitar. Manuel María, co que combinaramos o encontro telefonicamente, e Saleta recibíronnos con toda a amabilidade, como se fósemos coñecidos. Manuel atendeu todas as nosas preguntas, foi unha conversa moi produtiva e enriquecedora para nós, tiña documentación canda el preparada para mostrarnos. Aquela tarde volvemos para A Coruña nunha nube, sabendo que viviramos unha experiencia única e irrepetíbel.
A partir de aí chegaron encontros diferentes en xornadas de formación da AS-PG, ás que acudía puntualmente todos os anos, recitais ou presentación de libros seus e, xa a partir de 1998 en que se instalan definitivamente na Coruña, os encontros foron algo máis periódicos. Algúns sábados á mañá procuraba achegarme á cafetaría xa desaparecida Kirss, na rúa Real da Coruña, para escoitalo no faladoiro de amigos que alí se reunían. Era unha delicia escoitalo, a súa voz grave e expresiva, a súa xenialidade e fino humor, o seu idiolecto particular e o seu saber de todo era impresionante.
É unha fortuna telo coñecido, así é. Admíroo como persoa e adóroo como poeta. (…)”