Entrevista a Xosé Duncan en Coruña Daily News:
“(…) – Coruña Daily News (CDN): Como describirías a túa novela [Negruña]?
– Xosé Duncan (XD): Tomás González Ahola, un dos editores de Urco, describiuna como postapocalíptica, e non lle falta razón. Mais eu penso que Negruña é a narración do Apocalipse en tempo real. Sitúanos nunha Coruña alternativa no futuro, que a mete de cheo no xénero das distopías, nun momento no que o mundo está a colapsar por mor da incapacidade humana de frear a súa cobiza, malia que iso implique destruír o planeta no que vive. Asistimos, tamén, a un circo patético formado por políticos e empresarios que, para variar, non fan outra cousa que aproveitarse da miseria e da decadencia da cidadanía para acadar máis poder ou, cando menos, manter o que teñen.
– CDN: É entón un agoiro do noso propio futuro?
– XD: Estou convencido de que si. Como dicía antes, é un futuro levado ao extremo, ou iso espero, e con personaxes moi dramatizadas e caricaturizadas. Porén, quen lea a novela identificará sen problema certos comportamentos dos nosos políticos e mandatarios. A min mesmo pasoume mentres a escribía. Nalgún que outro capítulo, mentres pensaba que excentricidade se lle podía pasar pola cabeza ao alcalde negruñés, aparecían titulares reais nos xornais que superaban as miñas ideas máis disparatadas. (…)
– CDN: Falando de ciencia ficción, estase a producir un rexurdimento do xénero en Galicia?
– XD: Gostaríame crer que si. O certo é que unha editorial como Urco, que apostase directamente polo xénero fantástico, era moi necesaria. Aínda lembro a Feira do Libro de Lalín de hai tres anos. Na caseta había numerosos volumes traducidos ao galego de Poe, Lovecraft ou Jack London, e algún que outro exemplar de autores galegos, que co tempo se convertiría na liña Alcaián. Este ano, na Feira do Libro de Compostela, tiven a inmensa sorte de compartir espazo con Ramón Caride, Antonio M. Fraga, Cris Pavón, Fernando M. Cimadevila, Tomás González Ahola, Roberto A. Rodrigues, Andrea Barreira Freije ou María Alonso, entre outros. Todos eles, autores con varios volumes publicados dentro desa liña editorial e cunha gran calidade. Podemos presumir non só dun rexurdimento, senón que, ademais, contamos cunha plataforma que dá saída ao xénero.
– CDN: Tamén es un dos membros da web Lermos. Desde a dobre perspectiva de escritor e editor, cara onde vai a literatura galega?
– XD: Eu son pesimista por definición. Temos por diante unha guerra moi dura e non teño fe en que vaiamos gañar. Hai demasiados factores implicados: autores, editoriais, librarías, federacións, concellos ou deputacións. Cada un coas súas propias teimas e eivas. As crises caracterízanse por separaren as diferentes faccións, por forzar a que cada unha loite para sobrevivir. Por iso interesan tanto as crises. Só se conseguirmos organizarnos e funcionar conxuntamente lograremos construír a maquinaria precisa para que, primeiro, o galego non desapareza da narrativa xeneralizada e normalizada, e, segundo, gañar lectores.”