Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A directiva da Asociación Galega de Editoras lamenta a perda de Sabino Torres, editor, escritor e xornalista pontevedrés, ademais de membro correspondente da Real Academia Galega, que faleceu onte en Madrid aos 91 anos.
Figura irreemprazable da nosa lírica no século XX, respectado e apreciado referente intelectual, memoria crítica e vibrante da súa cidade, do valioso legado de Sabino Torres, decano dos editores galegos, á cultura galega destaca a Colección Benito Soto, que fundara en 1949 con Manuel Cuña Novás e Emilio Álvarez Negreira, con Celso Emilio Ferreiro como director. Foi a primeira que publicou poesía en galego durante a ditadura franquista.
Foi precisamente con Celso Emilio Ferreiro e con Emilio Canda con quen comezara a súa traxectoria xornalística en 1943, na revista Finisterre, á que se lle suma a súa participación como director, en Pontevedra, do semanario Ciudad. A Sabino Torres tamén se lle debe a posta en marcha do semanario Litoral, en 1953.
A poesía, xénero ao que sempre estivo vencellado, volveu centrar outro dos seus proxectos literarios cando, en 1992, fundou a colección Hipocampo, volvendo contar co seu amigo Álvarez Negreira.
A súa obra literaria en galego, tanto en verso como en prosa, conta con media ducia de títulos, aos que se suman outros dous libros en castelán. En 2014 publicou as súas memorias, tituladas Crónicas dun tempo escondido (Galaxia).
Dende os últimos anos residía en Madrid, onde en 2014 recibiu a homenaxe do Grupo Bilbao de Poesía Galega, na Casa de Galicia.”