Reportaxe en Cultura Galega:
“A Editorial Galaxia acaba de tirar á luz Labrego con algo de poeta, a biografía sobre o autor homenaxeado no Día das Letras este ano. No libro, Mercedes Queixas desenvolveu un traballo complexo co que tenta dar conta dunha obra inxente e dunha vida intensa. O feito de se enfrontar a un persoeiro aínda vivo na memoria e na sociedade galega supuxo, segundo, recoñece a autora un factor de complexidade engadido a este labor. “A verdade é que me resultou moito máis cómodo, doado, accesible e tranquilizador abordar biografías como a que no seu día elaborei sobre Sarmiento. Nese caso púidenme centrar en analizar o personaxe a partir da súa obra, de estudos e de investigacións varias. No caso de Manuel María había bastantes retos. Cando me propuxeron desde Galaxia enfrontar unha biografía breve e divulgativa parecíanme palabras moi atinadas pero que tamén facían moi difícil abranguer un fenómeno como é Manuel María“. (…)
A estreita relación entre o traballo e o percurso biográfico no autor preséntase como unha das ideas focais da análise que realizou Queixas. “Temos que ratificar esta idea. Manuel María era un comunicador nato. Tiña a necesidade de transmitir e de contar o que observaba e o que valoraba, e a escrita foi sempre o seu espazo natural de comunicación. Canto máis o leo máis me ratifico na idea de que o seu é un binomio perfecto entre escritor e home. Ler a súa obra é ler a súa vida, hai unha simbiose perfecta. Era moi transparente e os seus principios están claramente definidos na execución da palabra”. Isto facilita que “cando falo del apóiome na súa obra para explicar en que momento da súa vida estamos. Por iso participo da idea de que hai que o ler, máis do que falar sobre el”. Esta perspectiva emparenta en boa medida a Manuel María con formas narrativas propias de Internet como os diarios en liña ou os blogs. “Penso que foi un pioneiro nesta vinculación, neste entender a vida e a obra, a paixón pola palabra, como unha relación íntima de vasos comunicantes. A min mesmo acontécenme cousas no día a día e véñenme á cabeza fragmentos das súas obras. Semella que o seu traballo, esa visión súa de alguén que camiña día a día a pensar na vida e na escrita, quedou aí para o traer á nosa realidade”. (…)
Como resumo sobre o homenaxeado, Queixas salienta que se trata “dun traballador incansable da palabra é resulta imposible botar conta das horas que Manuel María nos dedicou da súa vida. É un autor que hai que ler, a grande descuberta deste ano, o grande reto é que nos fican abertas as portas a unha obra e todos imos entrar. Cómpre insistir na importancia do traballo que está a facer a Fundación Manuel María e a Casa Museo, que van conseguir que Manuel María non desapareza definitivamente como acontece ás veces coa celebración do Día das Letras, que semella o certificado de defunción definitivo do autor”.”