Manuel Esteban: “A novela xorde como un berro a raíz dunha inxustiza, a da discapacidade intelectual”

EntrevistaManuel Esteban Premio Xerais a Manuel Esteban en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Non podiamos comezar a entrevista doutro xeito, Manuel. Como recibe un a noticia de que foi recoñecido co Premio Xerais [por A ira dos mansos]?
– Manuel Esteban (ME): Pois… a verdade é que resulta un impacto, un shock… Unha sorpresa. De feito, aínda non cheguei á fase de alegrarme, aínda estou na fase de sorpresa, sobre todo porque non escribín a novela como un fin en si mesmo -imaxino que un escritor ao uso aborda a escrita con esa perspectiva-, senón que, no meu caso, escribín a obra como un medio. Tamén é certo que cando un presenta unha novela a un premio faino pensando na posibilidade moi remota de recoñecemento pero iso non o contemplaba… pois eu non teño táboas como escritor, non creo que a novela brille nin que a súa virtude sexa unha prosa literaria fantástica. A obra sae das tripas, dunha necesidade concreta, a raíz do nacemento do meu fillo maior. Ten unha finalidade terapéutica e non literaria. Por iso, a sorpresa, se cabe, é dupla.
– SG: Que o levou a escribir?
– ME: A min levoume a escribir a necesidade de expresar certo sentimento de inxustiza. Era unha especie de berro gritado entre nós, da miña xente, a raíz dunha inxustiza, a da discapacidade intelectual. Un cae do cabalo a través do que lle vai pasando na vida, e eu cheguei á discapacidade intelectual co nacemento do meu fillo. Entón, comprendín a situación que sofre ese colectivo, un exilio amábel, pero un exilio ao fin e ao cabo. Hai unha tendencia ao paternalismo e, no mellor dos casos, ao ninguneo deste tipo de persoas. E iso, cando o vives co teu fillo cando nace, é moi duro. Quería, en definitiva, facer de altofalante de quen ten dificultades para facer valer a súa voz.
– SG: Como definiría a obra?
– ME: Amais de médico, son docente. Non quería resultar demasiado ofensivo ou sesudo e tiña certo afán didáctico. Quería presentala nunha armazón atractiva e interesante. Son lector compulsivo e gosto moito da novela negra. Pensaba que podería ser interesante a vía de abordaxe a través da narrativa e, en concreto, da novela negra. Pareceume bo xénero para irmos á fronteira da moralidade da sociedade. Contar unha historia cotiá para resaltar aspectos da hipocrisía a respeito dun colectivo era difícil. Con todo, na novela negra, onde os matices contan e onde o bo ten que facer cousas malas, nesa sopa moral máis ambigua e gris, pareceume máis fácil contar o que eu quería contar, que non deixa de ser a miña visión, sobre unha situación asimétrica. (…)”