Artigo de Xosé Duncan en Lermos:
“A finais de 2011 saíu do prelo o primeiro volume da revista Contos Estraños que foi numerado coa cifra 0 e titulado ‘Amañeceres Estraños’. A diferenza dos seguintes, este número non tivo unha temática definida xa que foi o único, polo menos no 100%, que contou con relatos de achega libre (algo obvio por ser a primeira convocatoria e na que só se fixo un chamamento ao envío de textos de fantasía, misterio ou terror, mais sen determinar unha temática concreta). Foi, tamén, o único no que todos os participantes eran homes (érano no momento de escribiren os relatos e seguen séndoo agora). Veremos que a maioría masculina mantívose nos seguintes volumes e que os editores tentaron resolver esa disparidade co número 5 ‘Verbas de Atenea’ no que se levou o 100% da participación ao campo das autoras. Outra curiosidade máis deste número 0 é que xa nel se instaurou o sistema híbrido de relatos e mais novelas curtas por entregas. Formato que, finalmente, remataría por ser abandonado en prol do volume único de relatos. O deseño da capa era de José María Picón que, malia que non volvería facerse cargo do traballo gráfico até o número 4 de ‘Nadal impío’, converteríase co tempo no ‘portadista’ habitual da revista. (…)
Unha vez presentado este número 0, imos falar con algúns dos autores nun formato de mini-entrevista que repetiremos ao longo de toda a serie. (…)
– Quen es e que relación tes coa literatura?
– Manuel Ángel Gayoso (MAG): Pois son unha persoa sinxela e corrente, que enfronta o tempo que lle tocou vivir como mellor pode. Licenciado en Historia, traballador ocasional no que vai xurdindo, lector asiduo de temática variada…
Dende a miña infancia adoitei o gusto por ler, libros sobre a natureza e historias diversas. Con sete anos din o paso á escritura, escribindo contos sinxelos, facendo fichas biolóxicas dos animais que atopaba. Lembro os meus primeiros libros de “La Senda de la Naturaleza” de Plesa, Xulio Verne, Emilio Salgari e moitos outros clásicos infantís e xuvenís… lembro que cando nos puñan un fragmento dun libro nas clases de literatura despois ía ler o libro enteiro á biblioteca. Moita morriña.
Continuei lendo e escribindo durante a miña vida académica e laboral, diversificando as miñas afeccións coa Historia, o xénero de aventuras e terror… Durante a miña carreira universitaria escribín varios relatos, suplementos para xogos de rol, e incluso cheguei a publicar algún artigo en revistas como “Insomnia” (xa desaparecida) pero nunca pensei en dedicarme seriamente á literatura. Por riba de todo, leo e escribo porque me gusta facelo, non hai máis misterio.
– David Botana (DB): Pois véñoche sendo David Botana, Botana para os amigos, ESE para a familia. A miña relación coa literatura foi desde sempre coma a que un ionki pode ter co cabalo (ou un galego co botelo), un chute e a voar (un quilo e a durmir). Fai unha boa xeira xa que estou intentando drogar a máis xente coa miña merda, pero polo de agora máis que metanfetamina azul veño sintetizando aspirina infantil sabor licorka.
– Santiago Bergantinhos (SB): Supoño que desde cativo quixen ser escritor. Lin moita ciencia ficción e algo de fantasía cando mozo e agora algo sigo a ler, aínda que hai moitos anos que sobre todo leo literatura sen etiquetas. E tampouco é tan raro: ultimamente o mundo está tan tolo que xa custa saber o que é realidade e pura fantasía.
Escribo máis ou menos desde sempre.
Adícome a dicir aos computadores o que teñen que facer, sen ter moi claro se algún día non van mudar as tornas. Para a miña sorpresa en 2013 escribín unha novela supoño que postciberpunk ou algo así, e que sairá un día destes en galego. (…)”