Desde Sermos Galiza:
“Finalmente o Pleno da Academia Galega resolveu homenaxear Carlos Casares (Ourense, 1941-Nigrán, 2002) nas Letras Galegas do vindeiro ano. Así o comunicou o presidente da institución, Xesús Alonso Montero, en comparecencia de imprensa este mediodía.
Casares era o favorito entre a listaxe de nomes -todos masculinos- que compuñan as distintas candidaturas a valorar pola Academia. O que foi director de Galaxia e renovación do ‘piñeirismo’ presidiu tamén o Consello da Cultura Galega e foi deputado independente nas filas do PSOE en 1982.
Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares foi un autor polifacético e “unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX”, sinalan desde a Academia nun comunicado público após a deliberación do pleno.
“Alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega”, acrecentan desde a institución.
Neste senso, entenden que “que a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra, que incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, converten a Carlos Casares nun escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017″. Pois, subliñan, “con toda seguranza, reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria”. (…)
O Pleno da Academia tamén aprobou a incorporación da escritora Marilar Aleixandre, como nova integrante substituíndo o falecido Xosé Neira Vilas. Aliás, oficializou a candidatura de Chus Pato como proposta para se incorporar -se así o decide o Pleno na vindeira sesión- á Academia pasando a ocupar a vacante producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro.”