Casas literarias: Xulián Magariños Negreira

casa-magariños-negreiraDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“A vida de Xulián Magariños Negreira foi tan breve coma intensa. Naceu o 16 de setembro de 1904 na vila que levaba no segundo apelido, nunha casa da Praza do Ferreiro, pé mesmo do Pazo de Cotón, en terra, por tanto, de vella estirpe literaria dende os tempos do trobador Afonso Eanes. (…)
Así as cousas, regresou a Negreira e abriu un bufete de avogado en 1930. Na primavera seguinte casou con Carmen Negreira Tomé, filla dunha comerciante de panos e lencería que alugou a Magariños parte do baixo da casa na que residían e tiñan a tenda para que este montase alí o seu despacho de avogacía.
Pois ben, o inmoble referido foi logo o fogar dos mozos casados, o mesmo que se ve na foto, sito na Carreira de San Mauro, número 28, a escasos metros de onde nacera o escritor, a un tiro de pedra do Pazo do Cotón, a menos de cen pasos do edificio que dende 1933 pasou a albergar o concello.
Nesta casa da Carreira de San Mauro que se contempla na foto viviu Magariños días felices, como ten relatado con fondo saber Xosé Amancio Liñares Giraut, o seu biógrafo e mellor coñecedor. Naquel lar naceron os seus fillos. Alí seguiu escribindo para Nós e A Nosa Terra, tamén para Galicia de Buenos Aires e para o periódico agrarista comarcal La Voz de Barcala, onde apareceu a súa derradeira colaboración, que versaba, non por casualidade, sobre a revolución de 1846.
O 9 de xullo hai exactamente oitenta e dous anos que faleceu nesta casa da Carreira de San Mauro Xulián Magariños Negreira, quen botara o último medio ano encamado cunha doenza do corazón que acabou con el na flor da vida, con apenas vinte e nove anos. (…)”