Artigo de Daniel Landesa na revista Criaturas:
“(…) Persoalmente non tiven a oportunidade de tratalo, malia ter tantos lazos e amizades que me levaban a el. A nosa relación non foi máis alá dos amables correos que intercambiamos, precisamente co nacemento desta Revista Criaturas que, se hoxe existe, é en moi boa parte, grazas a el, porque a Agustín lle debemos todo o sabio e cordial consello que me/nos prestou para a formación deste pequeno espazo na rede. E aínda sen coñecelo, como sei que lle acontece a moitas das súas lectoras e lectores, sentinme sempre moi preto del, tanto pola proximidade da súa obra, como pola bondade que transmitía a súa personalidade pública. (…)
A reacción que hoxe se produciu na rede coa noticia da súa marcha é boa proba do agarimo que a súa figura transmitía, cadaquén ten os seus motivos para sentirse hoxe fondamente desamparado, eu teño os meus propios. Ademais da súa obra, que por suposto admiro, sempre identifiquei a súa figura coa miña nai, unha persoa boa como penso que el foi, grande lectora coma el, agarimosa tamén. E, dalgún modo, quizais logo da Viaxe de Gagarin na que ofrece unha imaxe moza dun tempo no que a miña nai foi igualmente moza, aceptei esa identificación cun dos meus seres máis queridos.
E se hoxe escribo eu é porque, se cadra, son a persoa que, daquelas que formamos Criaturas, non puido gozar desas conversas enriquecedoras e ben que o lamento. Quizais por iso son o único ao que o pulso lle chega para escribir, mais sei que podo falar por todas as persoas que, dalgún modo, participan deste pequeno proxecto e dicir que hoxe é un día terrible e desolador que nos deixa abatidos. Mais tamén sei que o espírito traballador e incansable de Agustín nos acompañará sempre. Non esqueceremos o teu exemplo, mestre. (…)”