Artigo de Suso de Toro en Sermos Galiza:
“No mundo da cultura de calquera pais hai figuras de toda caste, intelectuais e artistas que, alén de ofrecer o seu traballo creativo, compiten, loitan, defenden intereses particulares e posicións estéticas ou ideolóxicas. A figura do Agustín Fernández Paz non semella nin deste país nin deste mundo, o Agustín foi, é, un tipo único. E por iso todos queriamos ser amigos seus.
Non me cadrara ter apenas trato previo co Agustín. porén, ao que souben que lle picara o bicho, achegueime a el na primeira oportunidade, coido que foi con motivo dunha desas homenaxes que facemos cando a alguén o consideramos inofensivo ou está marcado pola morte. Eu sei ben por que o fixen, porque gustara daquel home simplemente.
Cando coñecemos a unha persoa que é especial por un motivo ou outro desexamos reter algo dela. Nese caso a nosa motivación é procurar enerxía, buscar a luz, é un dos resortes esenciais que move a vida dentro nosa. Mais, no meu caso pódese dicir que foi un acto político, foi un acto consciente de recoñecer e reforzar unha posición dentro do noso mundo cultural. Esa posición, a de Agustín, é a posición da esperanza. E a do amor.
Tense dito antes e tamén estes días que Agustín era moi boa persoa, érao mais iso non pode resumir sen máis a súa forza, o seu poder. Porque expresouse coas armas máis humildes, a modestia insistente do mestre, o oficio tomado a serio de escritor e os modais respectuosos, porén foi un loitador duro. Non falo do seu rexeitamento a un honor porque esas autoridades que llo concedían estaban a traizoar ao seu país, iso simplesmente é a coherencia dun home que sabe que cando os días que quedan están contados cada acto é valioso e ten que ser verdadeiro. (…)”