Terceiro día na Feira do Libro da Coruña, por Manuel Bragado

DesdeMB_Maria_Canosa_Ramon_Nicolas_Mercedes_Queixas_03-08-2016-1024x768 Brétemas, de Manuel Bragado:
“(…) Pechou a xornada a presentación d’ O espello do mundo, a primeira novela de Ramón Nicolás, acto no que participaron as escritoras María Canosa e Mercedes Queixas. Comezou o seu discurso María Canosa sinalando que “presentaba unha novela moi especial, a opera prima dunha figura excepcional”. “O espello do mundo expresa a ollada dun escritor moi observador, que sabe da mirada exacta, sen excesos. Novela moi ben estruturada, narrada dun xeito natural sen gradilocuencia ningunha, ben diseccionada, como o carácter tranquilo e sinxelo de Ramón Nicolás”. “O autor coñece á perfección todo o que se conta nunha novela con pouso, madura, madurada, que dá seguridade ao lector. Os personaxes son consistentes, ben construídos, congruentes na definición”. Rematou María Canosa salientando que estamos diante dun “libro elegante, consistente, unha novela con maiúsculas, unha alfaia que fará ledicia a que se achegue a ela”.
Pola súa banda Mercedes Queixas lembrou que nas páxinas de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro intuíra que había un narrador de ficción, “imaxinaba que algo Ramón Nicolás puidera estar escribindo”. Mercedes expresou a súa convicción de que “O espello do mundo será unha obra que axude a mover marcos no noso sistema literario”. “A novela está definida no propio texto como o intercambio epistolar de dúas personalidades converxentes que a historia se encargou de borrar. Un libro, pois, para superar os territorios d ainvisibilidade, unha superación do oficialmente contado”. “Tras as lecturas da novela viñéronme dúas imaxes que sintetizan: a dun reloxo de area e a dunha bufarda. A do reloxo para expresar o tempo degustado na Idade Media, a idea de esquecer o tempo e introducirnos na rodaxe pausada, un río que discorre sempre con pouso e a sabedoría das palabras escollidas por alguén que coñece o uso do idioma e as historias ben contadas.” “A imaxe da bufarda como punto de luz que traspasa eses muros románicos e trae ao presente unha historia pendente de contar, a da descuberta da ciencia, da educación, da lingua desas mulleres dunha igrexa con poder, con moita responsabilidade, cultas, con vocación de acceso ao coñecemento, posuidoras dunha vontade de proxectos colectivos, de sororidade”. Rematou Mercedes Queixas sinalando que “esta obra pon en altísimo valor un tempo e un espazo, propio e alleo, un xogo entre a ficción e a historia, que demostra que non se pode ser máis universal ca sendo local”.
Rematou as intervención Ramón Nicolás que dedicou as súas palbras a Agustín Fernández Paz. Reflexionou o autor sobre a importancia da lectura: “para escribir cómpre ler moito, escribir é reescribir o que se leu”. Confesou que o atrevemento de ficcionalizar algúns episodios da biografía de Celso Emilio Ferreiro levouno a emprender este proxecto no que asume que “a novela é un xénero híbrido, o xénero das preguntas”. Rematou Nicolás confesando que a novela quixo entrar no período medieval e agromou en Escudeiros, nas Terras de Celanova, na Galicia esquecida”.